LOURIDO ACOLLERÁ O VINDEIRO SÁBADO A QUINTA EDICIÓN DO DUATLÓN MOVÉNDONOS POR POIO

12/01/2024

2023.

A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), presentou na mañá deste martes, acompañada por responsables do Club Triatlón Poio e da Federación Galega de Triatlón, os detalles da que será xa a quinta edición do Duatlón de Estrada Movéndonos por Poio, que terá lugar este sábado 18 de febreiro na contorna de Lourido, na parroquia de San Salvador, desde as 14.30 horas, momento no que se iniciarán os pertinentes controis previos á proba. Caldas expresou a súa satisfacción polo feito de que esta cita deportiva “estea xe plenamente consolidada como unha das competicións referentes en Galicia”.

A edil do Goberno local ten claro que “isto é grazas ao gran traballo que realiza o Club Triatlón Poio” e tamén quixo expresar o seu agradecemento a institucións e entidades colaboradoras, como son A Rosa dos Ventos, a Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Marín e Poio (Hoempo) ou a Policía Local e a Asociación de Voluntarios de Protección Civil, entre outros. Esta edición resultará especial por ser a primeira, despois de dous anos, que se pode desenvolver con absoluta normalidade, xa que as dúas anteriores estiveron marcadas polas restricións sanitarias provocadas pola pandemia da COVID-19.

A saída e a liña de meta estarán emprazadas nas inmediacións do parque de Costa Xiráldez. Como é habitual, o duatlón constará de tres sectores diferentes. O primeiro deles será a pé e terá unha distancia de 5.500 metros. Posteriormente, os e as corredoras completarán o circuíto en bicicleta, de 21,47 quilómetros, para rematar cun último segmento a pé de 2,75 quilómetros, ata chegar á liña de meta. O circuíto será moi técnico, tal e como adiantaron os organizadores. Os e as participantes pasarán pola avenida da Praia, Peirao Besada, Anafáns e Esqueiriños ata a confluencia con Zapateiros. Haberá premios en metálico para os tres primeiros clasificados tanto en categoría masculina como feminina, así como para o mellor club en ambos grupos. Ademais, habilitarase servizo de vestiarios e ducha no pavillón do CEIP Lourido.

Se ben as probas darán comezo en torno ás 15.30 horas, xa desde antes organizarase un dispositivo de seguridade na zona, no que se limitarán os accesos e o tránsito de tráfico rodado. Marga Caldas precisou que os detalles do operativo xa foron trasladados aos negocios de hostalería existentes na zona e agradeceu a súa colaboración, sinalando a importancia de continuar apostando pola organización deste tipo de competicións, que “axudan a que Poio siga manténdose como un lugar de referencia no ámbito deportivo”. Por último, comprometeuse a seguir traballando para que “no futuro poidamos albergar probas de ámbito nacional, o que redundaría de forma moi positiva nos sectores dinamizadores e económicos do noso concello”.

Campaña solidaria ‘Eu son gaiat@’

A proba tamén terá o seu lado solidario, xa que os e as asistentes á proba poderán facer doazóns para colaborar na campaña ‘Eu son gaiat@’, impulsada a través de diferentes concellerías para recadar fondos para o orfanato Casa do Gaiato de Mozambique, onde a directora do CIM, Raquel Morales, participou nun proxecto colaborativo a través do Fondo Galego de Cooperación.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio