As persoas usuarias de Amencer-Aspace protagonizarán o acendido das luces de Nadal en Poio

25/11/2026

O Concello convida cada ano a unha entidade social para dar visibilidade a todo o traballo que desenvolven. Será o domingo 6 de decembro, dentro do espectáculo que o Goberno local están organizando para inaugurar a programación do Nadal.

As persoas usuarias de Amencer-Aspace serán as encargadas este ano de acender as luces durante a inauguración do Nadal en Poio, o domingo 6 de decembro na Praza do Mosteiro.

É unha asociación de familias de persoas con parálise cerebral e outros trastornos neuro-motores que se uniron para garantir o benestar e a autonomía que precisan e recleman para ser cidadáns de pleno dereito, e que contan cun amplo grupo de profesionais que saben responder ás súas necesidades diarias.

Con esta iniciativa, o Goberno local quere recoñecer e dar visibilidade este ano a todo o traballo desenvolto por esta entidade a través do seu centro educativo, centro de día e vivenda residencial para apoiar e mellorar a súa calidade de vida, entre os que hai veciños e veciñas do municipio.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, recibiron esta mañá na Casa do Concello unha representación da entidade para coordinar a súa participación no acto. Moldes agradeceulles a súa implicación e o traballo diario que desenvolven en Amencer-Aspace, así como a súa dispoñibilidade para participar na inauguración do Nadal en Poio. Tamén lles desexou que desfruten da experiencia. “Desde logo, para o Goberno local é moi gratificante esta iniciativa, que vimos poñendo en marcha nos últimos anos”, asegurou.

Nesta liña, sinalou que “é de xustiza poñer en valor todo o labor das entidades que día tras día traballan de xeito comprometido para mellorar a calidade de vida de tantas persoas”. Lembrou que a participación do alumnado da Asociación Juan XXIII e de Xuntos Pontevedra nas inauguracións do Nadal dos anos anteriores foi unha experiencia moi positiva, tanto para o alumnado como para a veciñanza de Poio. O Goberno local agarda repetir a iniciativa o vindeiro domingo, 6 de decembro nunha cita na que non faltarán música, espectáculo, moita animación, conta atrás para o acendido das luces pero, sobre todo, moitas sorpresas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio