O pleno aprobou de xeito inicial o documento, que ascende a 15,2 millóns de euros, consolida a baixada da débeda, reforza os servizos e programas centrados nas persoas e continúa avanzando na transformación histórica do municipio. Ángel Moldes: “Detrás deste orzamento hai moito traballo e un proxecto claro para que Poio continúe avanzando”.
O pleno municipal aprobou inicialmente onte, cos votos do goberno, os orzamentos de Poio para 2027. As contas suman 15,2 millóns de euros e manteñen conxelados os impostos e as taxas municipais. Segundo as previsións do Concello, as reducións aplicadas nos últimos exercicios, principalmente no recibo do IBI que se reduciu do 0,47 ao 0,43, así como a conxelación do resto de impostos, permiten ás familias aforrar en conxunto 400.000 euros ao ano.
Segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes, na súa intervención, este documento consolida tamén a política de redución da débeda aplicada durante este mandato, ao reducir a ratio de endebedamento do 60,43 % en 2023 ao 40,66 % este ano. Ademais, reforza e amplía os servizos e programas centrados nas persoas e continúa avanzando na transformación histórica do municipio.
“Detrás deste orzamento hai un proxecto claro e unha folla de ruta para que Poio continúe avanzando. Somos un goberno único que converte en feitos o que antes eran demandas históricas, e conseguímolo con humildade pero, sobre todo, con moito traballo”, destacou. Así, fixo referencia a todas as obras que están en marcha en cada unha das cinco parroquias de Poio para mellorar a calidade de vida, a seguridade e a mobilidade da veciñanza, así como aos investimentos que repercuten directamente no benestar das familias: o Centro de Maiores de Poio, o reforzo dos servizos sociais —que pasan de contar cunha a tres traballadoras sociais—, máis fondos para a axuda no fogar, o servizo de atención temperá e a ampliación dos comedores escolares a todos os colexios de Poio, entre outros.
Moldes lembrou que a estabilidade do goberno, xunto co traballo realizado, permite que estes sexan os cuartos orzamentos deste mandato que se aproban en tempo e forma. Segundo indicou, o documento conta con todos os informes favorables de Intervención e Secretaría. “Aínda que é fundamental contar con orzamento, non todas as administracións poden presumir de ser capaces de facelo”, engadiu.
PROXECTOS MUNICIPAIS E INVESTIMENTOS EXTERNOS
Unha das partidas máis importantes dos orzamentos será a de Benestar Social, que aumenta ata case os 2 millóns de euros e xa prevé un incremento de 300.000 euros para afrontar a nova licitación do servizo de axuda no fogar. Para Cultura, Festexos e Educación mantense un investimento de 1,12 millóns de euros; para Medio Ambiente resérvanse 761.000 euros; para Obras e Servizos, 4,8 millóns; para Deportes, 465.000 euros; e para Seguridade Cidadá, 1,08 millóns. Esta última cifra tamén contempla o reforzo da Policía Local iniciado durante este ano.
O orzamento inclúe tamén o financiamento necesario para manter durante todo o ano o transporte Poio en Ruta, que garante a mobilidade interior polas parroquias. Ademais, resérvanse 80.000 euros para redactar o proxecto da futura piscina municipal e inclúense partidas para facer fronte ás anualidades que deberá asumir o Concello de Poio en proxectos que están en marcha coa colaboración doutras administracións. Entre eles están os tanques de tormentas da Seca e de Recheo, o proxecto de abastecemento e depuración de augas asinado con Acuaes, as obras de mellora do Peirao do Covelo e das rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén, así como a reposición do firme e a mellora do vial en Pedaporta. Tamén se inclúen 9.500 euros para adquirir un terreo en Combarro a un propietario ao que o Concello ocupou, sen autorización, unha parcela privada durante unhas obras de humanización e adoquinado no pasado mandato.
Á marxe dos 15,2 millóns de euros do orzamento municipal, Moldes destacou que Poio conta xa con investimentos asegurados para 2027 doutras administracións e do novo contrato da auga. Entre as actuacións impulsadas con financiamento doutras administracións, que comezarán ou continuarán executándose en 2027, figuran o Centro de Maiores, o Polígono de Fragamoreira, a humanización da PO-303, a senda peonil na PO-308 entre Combarro e Samieira, o Peirao do Covelo ou as casetas do porto de Combarro.
O novo contrato da auga prevé, ademais, que a concesionaria invista 15,4 millóns de euros nos próximos catro anos en melloras das redes de saneamento e abastecemento de auga en todo o municipio.
En resposta aos grupos da oposición, Moldes criticou que se cuestione agora a reserva dunha partida no orzamento para pagar as horas extras do persoal, cando xa se fixo anteriormente. No orzamento de 2021 incluíronse 161.000 euros para horas extras e, no de 2022, 150.000 euros. Explicou que esta partida permite pagar, por exemplo, ás brigadas que traballan un domingo para solucionar os problemas provocados polos temporais, resolver avarías urxentes fóra da xornada ou reforzar a Policía Local cando é necesario. “Son servicios extraordinarios que merecen ser pagados”, puntualizou.
Con respecto ao contrato da auga, lembrou que co novo contrato e o sistema de tarifas establecido por lei non se contabilizan os ingresos no orzamento, pero tampouco os gastos, polo que as contas reais é que que permite un aforro anual de 159.000 euros para o Concello.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS
Durante a sesión, a corporación deu lectura á declaración institucional feita conxuntamente polos tres grupos como rexeitamento ás violencias machistas, a mesma que se leu este mediodía diante da Casa do Concello.
Un documento no que se incidiu en que a violencia machista non é só física, senón que tamén son violencia o control, as ameazas, o acoso, as humillacións, a violencia psicolóxica ou sexual e as agresións que se exercen a través das redes sociais ou da intelixencia artificial. Recordaron a todas as mulleres qeu sofren algún tipo de violencia que hai saída, e como sociedade e administración temos a responsabilidade de facer chegar esta mensaxe traspasando portas e muros.
Desde o Concello de Poio comprométense a seguir traballando coas xeracións máis novas para educar en igualdade, previr estas condutas, aprender a recoñecelas e a actuar ante elas, porque non hai igualdade real mentres persista a violencia machista. Cada vítima é unha derrota como sociedade.