Tamén se inclúen xornadas de maxia co Mago Paco e Nadal por Arte de Maxia, cos magos Samuel Moreno, Lara Doiro e Roberto Lolo. Outro ano máis, todas as actuacións serán gratuítas e desenvolveranse na carpa Poio Máxico, instalada na Seca. A programación completa do Nadal en Poio desvelarase nos próximos días.
Poio volverá apostar este Nadal por unha programación ampla, atractiva e pensada para gozar en familia. O Concello adianta algunhas das propostas que formarán parte dunha programación que incluirá actuacións, actividades e obradoiros gratuítos para todas as idades.
Entre as citas destacadas figuran os concertos de Uxía Lambona e a Banda Molona e de Los Cantajuegos, que regresan a Poio, nesta ocasión, co espectáculo Las Aventuras de Coco y Pepa. A oferta completarase con varias propostas de maxia: A Maxia no Nadal, do Mago Paco, e a gala Nadal por Arte de Maxia, na que participarán Samuel Moreno, Lara Doiro e Roberto Lolo.
Estas actuacións son só un adianto dunha programación máis ampla, que comezará o 6 de decembro coa inauguración do Nadal en Poio e se prolongará ata o 6 de xaneiro, coa cabalgata de despedida dos Reis Magos de Oriente. Haberá actividades nas distintas Aldeas de Nadal e na carpa Poio Máxico, que volverá instalarse na Seca e abrirá as súas portas o venres 18 de decembro.
O obxectivo é ofrecer unha programación de calidade para públicos de todas as idades e facilitar que todas as familias poidan gozar dela. Por iso, todas as actuacións serán gratuítas.
Nos últimos anos, Poio consolidouse como un destino de referencia para o público familiar durante o Nadal, cunha oferta diversa que complementa a decoración das Aldeas de Nadal distribuídas polas parroquias do municipio.
UXÍA LAMBONA E A BANDA MOLONA, O SÁBADO 19 DE DECEMBRO
Unha das formacións infantís e familiares máis recoñecidas de Galicia, Uxía Lambona e a Banda Molona ofrecerá un espectáculo participativo e cheo de enerxía. O grupo revisa cancións tradicionais galegas e presenta temas propios a ritmo de ska, rock, reggae ou rap, convidando a persoas de todas as idades a cantar, bailar e gozar da música en galego.
A banda está formada por Pali, ao baixo; Ñoc, á batería; Diego, á gaita e á frauta; Serghaño, á guitarra; Roscón, ao acordeón, e Uxía, á voz e á animación. A actuación será o sábado 19 de decembro na carpa Poio Máxico.
A MAXIA NO NADAL, CO MAGO PACO, O VENRES 25 DE DECEMBRO
O Mago Paco traerá á carpa Poio Máxico o Día de Nadal, 25 de decembro, un espectáculo familiar inspirado nos días máis máxicos do ano. Aparicións imposibles, desaparicións e moito humor convidarán o público a participar e a descubrir a maxia en directo.
O artista combina ilusionismo con outras disciplinas escénicas, como o teatro, o clown e os monicreques, para crear propostas dinámicas pensadas para gozar en familia.
NADAL POR ARTE DE MAXIA, O SÁBADO 2 DE XANEIRO
A gala Nadal por Arte de Maxia reunirá o sábado 2 de xaneiro a tres artistas con estilos propios: Samuel Moreno, Lara Doiro e Roberto Lolo. Semifinalista de Got Talent, Moreno achega unha proposta actual na que combina humor, música, tecnoloxía e participación do público. Lara Doiro, unha das figuras emerxentes da maxia galega, destaca pola súa frescura e creatividade. Roberto Lolo, mago, actor e showman, suma á gala o seu sentido do humor, a improvisación e a capacidade para conectar cos espectadores.
As tres maneiras de entender a maxia únense nun espectáculo cheo de sorpresas e diversión, no que o público poderá deixarse sorprender e ver como o imposible parece facerse realidade.
CANTAJUEGOS PRESENTAN LAS AVENTURAS DE COCO Y PEPA O DOMINGO 3 DE XANEIRO
O recoñecido grupo de música infantil Los Cantajuegos volven a Poio pero, nesta ocasión, co espectáculo “Las Aventuras de Coco y Pepa”, que promete converterse noutro éxito de público e de participación.
O público poderá cantar, bailar e xogar cos personaxes de sempre ao ritmo dos grandes éxitos de CantaJuego.
INAUGURACIÓN DO NADAL EN POIO, O DOMINGO 6 DE DECEMBRO
Poio inaugurará o Nadal o domingo 6 de decembro cunha festa na Praza do Mosteiro, que contará con animación, música, unha conta atrás para o acendido das luces e gramdes sorpresas.
As Aldeas de Nadal tamén se iluminarán ese mesmo día, e estarán situadas, como nos últimos anos, na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da igrexa de San Martiño. A carpa Poio Máxico instalarase de novo na Seca e inaugurarase o venres 18 de decembro