“Estamos aquí”: o alumnado de Espedregada toma a palabra polo Día Mundial da Infancia

20/11/2026

A lectura, celebrada esta mañá en Raxó, contou coa participación do alcalde Ángel Moldes e da concelleira de Educación e Cultura, Natalia Sabarís.

O alumnado do colexio de Espedregada, en Raxó, participou esta mañá na lectura do manifesto polo Día Mundial da Infancia, nun acto ao que se sumaron o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís.

Baixo o lema “Estamos aquí”, o texto lembra que os nenos, nenas e adolescentes son cidadáns e cidadás do presente, e reivindica o seu dereito a expresar as súas opinións e a que estas sexan escoitadas e tidas en conta nas decisións que afectan ás súas vidas.

O manifesto, promovido pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e Unicef, reafirma o compromiso cos dereitos da infancia e propón reforzar os espazos de participación infantil, estudar as propostas que acheguen os menores e ofrecerlles unha resposta sobre como se teñen en conta. Tamén chama a impulsar políticas locais contra a desigualdade e a promover contornas seguras, saudables, inclusivas e protectoras.

A declaración lembra que os dereitos da infancia son universais e non deben verse limitados polo lugar de residencia, a orixe, a situación económica, unha discapacidade ou calquera outra circunstancia. “Porque están aquí. Porque as súas opinións importan”, conclúe o texto, que chama a construír localidades mellores para a infancia e, con elas, para todas as persoas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio