Poio dedica a campaña do 25N á violencia machista exercida mediante a intelixencia artificial

12/11/2026

Baixo o lema “A IA non ten límites, tamén é violencia machista”, o Concello organizará obradoiros para o alumnado de primaria e secundaria. Inclúese a lectura da declaración institucional o 25 de novembro, así como a Andaina Violeta, o domingo 22, entre Lourido e Combarro.

O Concello de Poio presentou esta mañá a súa campaña polo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Este ano, a iniciativa céntrase no uso da intelixencia artificial para exercer violencia machista, especialmente na creación e difusión de imaxes sexuais falsas de mulleres e nenas sen o seu consentimento.

A campaña pon o foco nos deepfakes, imaxes ou vídeos manipulados con intelixencia artificial que poden parecer reais. Con estas ferramentas pódese, por exemplo, inserir o rostro dunha persoa nun vídeo pornográfico e utilizar ese contido para humillala, acosala ou chantaxeala. O Concello quere que a mocidade saiba recoñecer estas agresións, mesmo cando se presentan como unha broma, e teña ferramentas para actuar se recibe ese material.

“En Poio procuramos sempre que as nosas campañas de prevención e sensibilización aborden temas de actualidade. Queremos que falen do que está a pasar e que axuden á veciñanza a recoñecer a violencia machista nas situacións que vive ou presencia no día a día”, sinalou o alcalde, Ángel Moldes, que agradeceu o traballo do Centro de Información á Muller (CIM) e da concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, no deseño da campaña.

Moldes incidiu no papel de quen recibe estas imaxes nas redes sociais ou nos grupos de mensaxería. “Cando unha imaxe chega ao noso móbil, temos a capacidade de frear a súa difusión. E cando alguén nos conta que está a sufrir unha agresión, temos a responsabilidade de escoitar e acompañar”.

A directora do CIM, Raquel Morales, explicou que as redes sociais ocupan un lugar central na vida da mocidade, ao converterse en espazos onde se relacionan e se expresan. Pero son tamén espazos nos que se reproducen estereotipos de xénero e se dan situacións de violencia, control e presión social. De aí a necesidade, sinalou, de adaptar a prevención ao que sucede neses espazos.

Morales expresou a súa preocupación pola difusión en TikTok, Instagram ou YouTube de discursos que desacreditan o feminismo e negan as desigualdades de xénero. Segundo explicou, algúns destes discursos presentan os homes como vítimas da situación actual e dificultan a comprensión das causas da discriminación e da violencia contra as mulleres.

A directora do CIM tamén citou o informe Redes que atrapan, de Save the Children. Arredor do 98 % das máis de mil persoas de entre 18 e 21 anos que participaron na enquisa en España declarou ter sufrido algunha forma de violencia sexual en contornas dixitais antes dos 18 anos. A organización alerta do uso da intelixencia artificial para crear imaxes falsas de espidos e reclama máis protección e educación dixital.

UNHA PROGRAMACIÓN QUE SE ESTENDE AO LONGO DOS VINDEIROS MESES

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, sinalou que este é o obxectivo da campaña: sensibilizar sobre os tipos de violencia que tamén se manifestan no ámbito dixital, creando espazos de reflexión e fomentando o uso axeitado e crítico das novas tecnoloxías.

Unha campaña que xa comezou a finais de setembro, co obradoiro Agresión off para previr e sensibilizar sobre as violencias sexuais entre o alumnado da Escola de Canteiros de Poio, e que tamén se trasladará ao alumnado do Obradoiro de Emprego Poio verde e sostible.

Os obradoiros nos colexios de primaria arrancarán o próximo martes, día 17, cos contacontos sobre prevención de violencia e ciberseguridade. Unhas sesións que pretenderán traballar co alumnado a través do relato e da ilustración. Tamén para o alumnado de sexto de primaria organizarase o obradoiro “Previndo a violencia, rompendo estereotipos”, que durante o pasado ano funcionou moi ben entre o alumando de secundaria.

Para o alumnado do IES programaranse varias accións: “IA e prevención de violencia de xénero”, “Obradoiro Violencia de Xénero e novo contorno dixital” e “Prevención da violencia sexual”, nos que abordarán a manipulación de imaxes con intelixencia artificial, a protección da privacidade e os límites legais ante condutas como o acoso reiterado ou a difusión de imaxes íntimas sen consentimento. O alumnado tamén empregará a IA como ferramenta educativa para analizar conversas ficticias, recoñecer sinais de control, identificar a manipulación emocional e reformular mensaxes que fan dano.

Ademais das accións coa mocidade, tamén se programan varias actividades abertas á cidadanía. Xa están abertas as inscricións para participar no obradoiro de autoprotección e defensa persoal para mulleres, que se desenvolverá os sábado 21 e 28 de novembro no ximnasio municipal. Estará impartido por Lucía Soto, veciña de Poio e campiona nacional e internacional de kickboxing.

A Andaina Violeta será o domingo, 22 de novembro, entre Lourido e Combarro. Sairá ás 10.00 horas do parque Costa Xiráldez ata chegar á Praza da Chousa, onde as representantes das asociacións de mulleres locais lerán o manifesto deste ano. A continuación, proxectarase o vídeo documental gravado durante as actividades e os obradoiros da campaña. As primeiras 150 persoas que se inscriban en igualdade@concellopoio.org recibirán unha camiseta de agasallo.

O 25 de novembro, ás 12.00 horas, terá lugar diante da Casa do Concello o parón contra a violencia machista, no que se lerá a declaración institucional.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio