O mercado de Nadal en Combarro xa funcionará desde o sábado, día 5, con postos de artesanía, agasallos e gastronomía. O Goberno local continúa a súa aposta por un Nadal con personalidade, atractivo e contido de calidade, que contribúa a dinamizar a actividade social, cultural e comercial en todas as parroquias.
O Concello de Poio xa ten data para inaugurar o seu Nadal. Será o domingo, 6 de decembro, pola tarde na Praza do Mosteiro, cunha cita na que non faltarán música, moita animación, conta atrás para o acendido das luces pero, sobre todo, moitas sorpresas para os asistentes.
Con todo, desde o sábado día 5 xa abrirá o Mercadillo de Nadal que a Asociación Leucoíña instala na Praza da Chousa, en Combarro, coa colaboración do Concello de Poio. Ata o 5 de xaneiro, os visitantes poderán atopar nel postos de artesanía, decoración de Nadal, agasallos e gastronomía.
O Nadal en Poio estase convertendo xa en referente dentro e fóra do municipio, e estano conseguindo apostando por un contido con personalidade, atractivo, inclusivo e de calidade, que contribúe a dinamizar a actividade social, cultural e comercial en todas as parroquias, pero tamén gracias á colaboración e participación de moitas persoas e colectivos que permitirán converter estas festas en especiais e inesquecibles para nenos e maiores.
De feito, xa hai expectación entre veciños e axencias de viaxe de toda Galicia, que estes días están contactando coas oficinas municipais para confirmar a data do inicio do Nadal en Poio e programar así as súas visitas. Un interese que confirma que estas iniciativas permiten fomentar o turismo de proximidade e o consumo, apoiar o comercio e a hostalería, xerar emprego e encher de vida o municipio.
UN NADAL CON CONTIDO, PARTICIPACIÓN E IDENTIDADE PROPIA
Coa inauguración do Nadal na Praza do Mosteiro o domingo 6, inauguraranse tamén todas as Aldeas de Nadal localizadas por diferentes espazos e lugares do municipio. Unhas aldeas que, nos últimos anos convertéronse en auténticos lugares de encontro para as familias.
As Aldeas de Nadal estarán situadas, un ano máis, na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño, mentres que a carpa Poio Máxico volverá instalarse na Seca, converténdose en outro dos puntos centrais da programación.
O Concello de Poio presentará a programación do Nadal nos próximos días, aínda que xa adianta que volverá ser ampla, participativa, itinerante, con actuacións gratuítas e pensadas para todos os públicos, e con propostas para encher de vida todas as parroquias.