Os magostos de Poio continúan mañá e mércores en San Martiño con música, tradición e maxia

09/11/2026

A próxima fin de semana as citas serán no Sartal, A Seca e Samieira.

A tempada de magostos avanza nas diferentes parroquias de Poio con boa acollida da veciñanza. Tras as citas desta fin de semana en Campelo, Raxó e Combarro, a programación trasládase mañá, martes 10 de novembro, co magosto que o Concello de Poio organiza tradicionalmente en San Martiño.

San Martiño acollerá a cita a partir das 20.00 horas, e a partir das 21.30 horas comezarán as actividades organizadas pola Asociación Laretas para celebrar a festividade coa actuación do Trío Rever. As festas continuarán o mércores 11 de novembro, ás 12.00 horas, coa misa solemne cantada na honra de San Martiño, coa participación da Coral Virxe da Renda e do grupo de gaitas Vides Novas. A continuación haberá unha tirada de fogos. Pola tarde, ás 17.30 horas, o Mago Paco ofrecerá un espectáculo de maxia para toda a familia. Durante as dúas xornadas haberá unha carpa no adro para poder gozar de toda a programación con maior comodidade.

Tras a cita de San Martiño, o sábado 14 de novembro haberá dous magostos. No Sartal, a ACV Ronsel organizará a celebración no espazo municipal ás 19.30 horas, mentres que na Seca a AV Boureante dará comezo ao seu magosto ás 20.00 horas. Ao día seguinte, domingo 15, a SCD de Samieira celebrará o seu magosto na Comunidade de Montes Río de Bois ás 19.00 horas.

O sábado 21 de novembro, a asociación veciñal e cultural de Vilariño organizará o seu magosto na rúa Vilariño de Abaixo a partir das 20.00 horas. O ciclo pecharase o sábado 28 de novembro en San Salvador, cun magosto organizado pola AC Viñas das Festas de San Salvador no adro da igrexa a partir das 20.00 horas.

O Concello de Poio convoca cada ano axudas para colaborar coas asociacións veciñais e culturais na organización dos magostos e fomentar esta tradición nas parroquias do municipio. A liña dous das axudas para a organización de eventos lúdicos está destinada especificamente aos magostos e prevé unha achega máxima de 600 euros por cita.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio