As Escolas Deportivas de Poio suman preto de 40 participantes máis e alcanzan os 755 nenos e nenas

09/11/2026

A participación medra arredor dun 5 % con respecto ao curso pasado nun programa que ofrece doce modalidades en colaboración cos clubs locais. O alcalde, Ángel Moldes, e o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, visitaron a Escola de Ximnasia Rítmica, que conta con 61 participantes.

As Escolas Deportivas do Concello de Poio continúan medrando e xa alcanzan este curso os 755 nenos e nenas inscritos, preto de 40 máis que o anterior. Este incremento, que supón preto dun 5% máis, reforza a participación no deporte de base e a boa acollida dun programa que ofrece doce modalidades en colaboración cos clubs locais.

O alcalde, Ángel Moldes, destacou este crecemento durante unha visita á Escola de Ximnasia Rítmica, na que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Tucho Muíños. Ambos asistiron a un dos adestramentos desta modalidade, que conta con 61 participantes e desenvolve a súa actividade entre o ximnasio do IES de Poio e o pavillón da Seca.

“Que este curso teñamos preto de 40 nenos e nenas máis nas escolas deportivas é unha moi boa nova para Poio. Detrás deste aumento hai máis rapazada practicando deporte, adquirindo hábitos saudables e compartindo experiencias. É tamén un estímulo para seguir apoiando o traballo dos clubs e facilitando que o deporte forme parte da vida das familias”, sinalou Moldes.

A oferta das Escolas Deportivas inclúe fútbol, fútbol sala, balonmán, baloncesto, ximnasia rítmica, tenis, ciclismo, taekwondo, piragüismo, atletismo, kickboxing e rugbi. As modalidades con maior participación son fútbol, con 203 inscritos, e fútbol sala, con 166, seguidas de balonmán (74), ximnasia rítmica (61), ciclismo (59), kickboxing (51) e atletismo (47).

Moldes subliñou que este programa permite á rapazada iniciarse ou continuar a súa formación deportiva nun contorno saudable, educativo e accesible. “As escolas deportivas son moito máis que un espazo para practicar deporte. Son lugares de encontro, aprendizaxe e convivencia, onde se fomentan valores tan importantes como o respecto, o compañeirismo, a igualdade e o esforzo”, afirmou.

Para apoiar esta actividade, o Concello mantén un convenio anual cos clubs deportivos que establece unha achega municipal de 100 euros por participante e curso destinada a contribuír aos gastos de funcionamento das escolas.

Este apoio amplíase no caso das familias do municipio con menos recursos, cando a súa situación está acreditada polo departamento de Servizos Sociais. Nestes casos, o Concello asume as cotas de inscrición para garantir que a situación económica non sexa un impedimento para acceder á práctica deportiva.

“Este goberno aposta de xeito claro polo deporte, tanto coa celebración de eventos de primeiro nivel que contribúen a dinamizar o noso concello como coa ampliación e mellora das instalacións municipais e o apoio ao deporte de base”, concluíu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio