A Aula CeMIT de Poio ofrece en novembro preto de 50 horas de formación gratuíta en informática, intelixencia artificial, uso do móbil e memoria

25/10/2026

A programación desenvolverase ao longo de todo o mes e incluirá tamén sesións de preparación para obter o certificado oficial de competencias dixitais COMDIX.

O Concello de Poio, a través da Aula CeMIT de Combarro, presenta unha completa programación de actividades formativas para o mes de novembro, co obxectivo de seguir achegando as novas tecnoloxías á cidadanía, favorecer a inclusión dixital e facilitar a adquisición de competencias útiles para a vida cotiá.

Nesta ocasión, a oferta inclúe cursos de iniciación á informática, intelixencia artificial, manexo de aplicacións móbiles, estimulación da memoria e formación especializada en ferramentas dixitais. En total, preto de 50 horas de actividades gratuítas e presenciais, abertas á participación da veciñanza, con preferencia para as persoas residentes no municipio. As inscricións xa están abertas a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia aula situada en Combarro.

Unha das novidades da programación será o curso de Iniciación á Intelixencia Artificial, que se desenvolverá do 2 ao 6 de novembro. As persoas participantes poderán descubrir que é a intelixencia artificial, coñecer as súas principais características e capacidades e aprender a utilizar diferentes aplicacións e ferramentas. As sesións dos días 2, 3 e 4 celebraranse de 18.00 a 19.30 horas, mentres que os días 5 e 6 terán lugar de 18.30 a 20.00 horas.

Outra das propostas será o curso Alfabetización dixital: Iniciación á Informática, que se impartirá todos os martes e mércores, do 3 ao 25 de novembro, de 16.30 a 18.00 horas. Esta formación está especialmente pensada para persoas que desexen familiarizarse co uso do ordenador, aprendendo cuestións básicas como acender e apagar correctamente o equipo, manexar o rato, utilizar o escritorio e as ventás ou organizar arquivos e carpetas.

FORMACIÓN PARA APROVEITAR AS POSIBILIDADES DO TELÉFONO MÓBIL

A programación de novembro tamén prestará especial atención ao uso dos teléfonos móbiles, cunha serie de obradoiros prácticos destinados a facilitar o manexo dalgunhas das aplicacións máis utilizadas.

Así, do 16 ao 18 de novembro, de 18.00 a 19.30 horas, desenvolverase o curso Aprende a usar o WhatsApp, mentres que os días 19 e 20 de novembro, de 18.30 a 20.00 horas, terá lugar unha formación centrada no uso do correo electrónico desde o móbil.

Ademais, os días 26 e 27 de novembro, de 16.30 a 18.00 horas, impartirase o obradoiro Aprende a xestionar as fotos, no que as persoas asistentes poderán adquirir coñecementos prácticos para organizar e administrar as imaxes almacenadas nos seus dispositivos.

ACTIVIDADES PARA ESTIMULAR A MEMORIA E FAVORECER O ENVELLECEMENTO ACTIVO

A Aula CeMIT continuará tamén coa súa aposta pola estimulación cognitiva a través do curso Exercita a túa Memoria, que se celebrará todos os luns, do 2 ao 30 de novembro, en horario de 16.30 a 18.00 horas.

Durante estas sesións, as persoas participantes realizarán exercicios de coordinación visual e manual, actividades de motricidade fina, quebracabezas, debuxos e xogos de lóxica, co propósito de estimular a memoria, o razoamento, a atención, a axilidade mental e a creatividade.

COLABORACIÓN COA FUNDACIÓN CIBERVOLUNTARIOS

A programación complétase con tres accións formativas impartidas pola Fundación Cibervoluntarios, orientadas a facilitar o acceso ás ferramentas dixitais a diferentes colectivos.

Os días 5 e 6 de novembro, de 16.30 a 18.30 horas, desenvolverase o programa Extraordinarias Básico, dirixido a mulleres emprendedoras interesadas en impulsar novas ideas, fortalecer os seus proxectos ou mellorar os seus negocios mediante o desenvolvemento de competencias dixitais.

Pola súa banda, os días 12 e 13 de novembro, no mesmo horario, celebrarase Expertclick, unha formación especialmente destinada a persoas maiores de 55 anos. Ao longo de catro horas, as persoas participantes aprenderán a utilizar o teléfono móbil, realizar videochamadas, solicitar citas médicas por Internet, efectuar trámites en liña e aproveitar as posibilidades do lecer dixital. Tamén se abordarán cuestións relacionadas coa navegación segura, a protección dos datos persoais e a privacidade.

Finalmente, os días 19 e 20 de novembro, de 16.30 a 18.30 horas, impartirase Extraordinarias Intermedio, que permitirá ás mulleres emprendedoras continuar avanzando no coñecemento e utilización de ferramentas dixitais aplicadas aos seus proxectos e actividades profesionais.

A Aula CeMIT tamén ofrecerá sesións de preparación para a obtención do certificado de competencias dixitais COMDIX, destinadas a resolver as dúbidas máis habituais relacionadas co exame oficial. A programación contempla a realización dunha proba de aproveitamento dos cursos en liña da plataforma de teleformación EMA, que permite obter o correspondente diploma unha vez superada a formación e solicitada a proba a través da propia plataforma.

Ademais das actividades formativas, a Aula CeMIT continúa co servizo de aula aberta, de luns a venres, de 15.00 a 16.30 horas, no que a cidadanía pode utilizar gratuitamente os equipos informáticos e a conexión a Internet.



OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio