Últimos días para desfrutar en Poio das Xornadas Gastronómicas da Ameixa

22/10/2026

A iniciativa ofrece pratos a prezos populares co bivalvo como protagonista en trece locais colaboradores, e encara as dúas últimas fins de semana tras unha boa acollida entre veciños e visitantes

O Concello de Poio convida a veciñanza e visitantes a aproveitar as dúas últimas fins de semana das Xornadas Gastronómicas da Ameixa, que se están a celebrar os sábados e domingos durante outubro en trece establecementos do municipio. A iniciativa permite desfrutar de propostas culinarias, -clásicas e innovadoras, tradicionais e creativas- a prezos populares e co noso produto estrela como ingrediente principal. Como novidade este ano, as persoas que consumen unha das preparacións participantes reciben como recordo unha postal de Poio coa imaxe Tres cunchas, de María José Fraga Amboaje, gañadora do primeiro premio do Concurso de Fotografía da Festa da Ameixa 2026.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, anima a aproveitar estes últimos días para coñecer as propostas dos restaurantes participantes e subliña que a gastronomía é un dos grandes motivos para visitar Poio tamén no outono. Con estas xornadas, o Concello busca prolongar a actividade máis alá do verán, apoiar o tecido hostaleiro e avanzar na desestacionalización turística, ademais de deixar claro que setembro e outubro son xa os meses da Ameixa e de Campelo.

Os trece establecementos participantes están repartidos nas diferentes parroquias do municipio. En San Salvador, Casa Angelita ofrece ameixas á mariñeira; mentres que en San Xoán participan Casa Laura, con ameixas á mariñeira e ameixas con lagostinos e cogomelos; O Remo, con cogomelos con ameixas; e Pinela Terraza, con fabas con ameixas. En Combarro, as propostas poden degustarse en La Espuela, con ameixas á mariñeira; Entrepedras, con ameixas en salsa da casa; O Bocoi, con ameixas en salsa verde; Pedramar, con ameixas á mariñeira; O Peirao, con ameixas babosas á mariñeira; Evoca, con ameixas babosas en curry de algas; Ría de Combarro, con fideos con ameixas; e La Nueva Parada, con ameixas á mariñeira. Finalmente, en Samieira participa O Novo Lar de Expósito, con fabas con ameixas.

A edil celebra a boa acollida que están tendo as xornadas por parte de hostaleiros, veciños e visitantes, e agradeceu a implicación dos locais participantes, que permite unha participación récord neste terceiro ano desde a recuperación das Xornadas. A iniciativa, que deixou de organizarse a finais do século pasado, recuperouse en 2024 para complementar a Festa da Ameixa de Campelo de cara ao seu recoñecemento.

Cochón destaca o esforzo compartido do Concello, a hostalaría e o sector do mar para poñer en valor este produto e o traballo das mariscadoras e mariscadores, nun ano especialmente significativo pola declaración da Festa da Ameixa de Campelo como Festa de Interese Turístico de Galicia. As xornadas únense a outras iniciativas dos últimos anos, como as Xornadas Técnicas, a “Ameixa no Camiño” e outras actividades de difusión.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio