Os traballos pódense presentar ata o 11 de novembro nos centros de ensino ou na Casa do Concello.
O Concello de Poio xa ten en marcha o tradicional Concurso de Tarxetas de Nadal, unha iniciativa coa que se busca fomentar a creatividade e o espírito navideño entre os máis pequenos e pequenas do municipio. O prazo límite para presentar os traballos remata o 11 de novembro.
A elección das tarxetas gañadoras realizarase por idades, de xeito que o xurado seleccionará unha tarxeta gañadora en cada unha das cinco categorías establecidas: de 3 a 5 anos, de 6 a 8 anos, de 9 a 11 anos, de 12 a 14 anos, e de 15 a 17 anos.
De entre as cinco tarxetas premiadas en cada categoría, escollerase aquela que será editada como felicitación institucional do Concello de Poio para este Nadal. Cada persoa gañadora recibirá un premio de 60 euros en metálico e un agasallo conmemorativo.
Deste xeito, o Concello de Poio quere seguir impulsando a participación infantil e xuvenil en actividades culturais e creativas, facendo que nenos e nenas de todas as idades se sintan representados nesta celebración tan especial.
Para participar, cada neno deberá entregar a súa tarxeta no colexio, IES ou na Casa do Concello. Terá un tamaño A5, en galego e no reverso deberán indicar nome, apelidos e idade do participante, enderezo e teléfono de contacto.
