Desenvolverase os días 28 de outubro e 4 de novembro no Pazo Besada, coa participación de persoas de diferentes xeracións. As conclusións contribuirán a orientar as accións municipais de educación afectivo-sexual, promoción de relacións igualitarias e prevención das violencias.
O Concello de Poio convida á veciñanza a reflexionar sobre os mitos e as crenzas que rodean as relacións afectivas a través de “Amor de medo”, unha actividade interxeracional que se desenvolverá os mércores 28 de outubro e 4 de novembro no Pazo Besada, de 17.30 a 19.00 horas.
A iniciativa, que forma parte da programación do 25N, busca crear un espazo de diálogo e intercambio de experiencias entre persoas de diferentes idades para identificar e cuestionar aquelas ideas sobre o amor romántico que poden contribuír a perpetuar estereotipos, desigualdades e dinámicas pouco saudables nas relacións de parella.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, explica que o obxectivo é analizar o impacto destes mitos nas relacións afectivas e comprobar cales perderon forza co paso do tempo, cales continúan presentes e cales atoparon novas formas de manifestarse, especialmente na contorna dixital.
Neste sentido, destaca o valor do intercambio entre xeracións para coñecer como evolucionaron as percepcións sobre o amor e as relacións de parella. Ademais de fomentar a reflexión colectiva, as experiencias e opinións recollidas permitirán orientar e reforzar as futuras accións municipais en materia de educación afectivo-sexual, promoción de relacións igualitarias e prevención das violencias, adaptándoas ás necesidades detectadas entre a veciñanza.
A actividade desenvolverase a través dun grupo focal integrado por dez persoas, distribuídas en dúas quendas de cinco participantes. Buscarase garantir o equilibrio de xénero, a representación de diferentes xeracións, con idades comprendidas entre os 16 e os 60 anos, e a diversidade de experiencias sentimentais.
Durante as sesións, as persoas participantes debaterán sobre os mitos do amor romántico, analizarán diferentes situacións, compararán experiencias entre xeracións e reflexionarán sobre as características das relacións saudables. A participación será anónima, co obxectivo de favorecer un ambiente de confianza no que compartir opinións e experiencias con liberdade.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico da educadora familiar do Concello de Poio, guadalupe.gomez.abeledo@concellopoio.gal. Desde o Concello animan á veciñanza a participar nesta iniciativa, cuxas conclusións contribuirán a deseñar actuacións municipais máis axustadas á realidade e ás necesidades da poboación.
DOCE MITOS SOBRE O AMOR ROMÁNTICO QUE QUITAN O SONO
Baixo o título “Amor de medo”, a actividade propón cuestionar doce mitos do amor romántico que continúan presentes no imaxinario colectivo e que poden condicionar a maneira de entender e vivir as relacións afectivas.
Entre eles analizarán crenzas como que “o amor todo o pode”, “os celos son unha proba de amor”, “o amor verdadeiro dura para sempre”, “unha parella debe compartilo todo”, “se te quere, cambiará por ti” ou “o amor ten que doer”.
A través da análise destas ideas, a iniciativa pretende fomentar unha visión máis crítica do amor romántico e promover relacións baseadas no respecto, a igualdade e a liberdade individual.