Poio colabora coas ANPAS para reducir o prezo que as familias pagan polo uso dos comedores escolares

22/10/2026

O Concello reafirma a súa aposta pola conciliación cunha axuda de 2 euros por neno e menú, que pode supoñer un aforro aproximado de 400 euros por curso. Todos os colexios de Poio contan, por primeira vez, con este servizo.

O Concello de Poio reafirma o seu compromiso coa conciliación da vida laboral e familiar mediante a renovación do convenio de colaboración coas ANPAS dos centros educativos para o financiamento dos comedores escolares. Este curso, ademais, o servizo está dispoñible, por primeira vez, nos cinco colexios do municipio.

A través deste acordo, o Concello subvenciona 2 euros por neno e menú, contribuíndo así a reducir o gasto que deben asumir as familias que utilizan este servizo. Esta achega municipal supón un aforro aproximado de 42 euros ao mes, que pode alcanzar os 400 euros por alumno ao longo do curso escolar.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitaron esta semana o comedor do CEIP Isidora Riestra, acompañados por representantes da ANPA e pola directora do centro, Leticia Esperón. Actualmente, este comedor conta con preto de 50 usuarios inscritos.

“Somos conscientes de que cada euro conta na economía das familias. Por iso, desde o Concello contribuímos a reducir o custo do comedor escolar cunha axuda que pode supoñer un aforro de ata 400 euros por neno durante o curso. É unha medida concreta para apoiar a conciliación e aliviar os gastos dos fogares”, destacou Moldes.

Durante a visita, subliñou que o compromiso do Goberno local coas familias “demóstrase con feitos e con medidas concretas que lles facilitan o día a día. Sabemos que a conciliación é unha necesidade para moitos fogares e queremos que o custo do comedor escolar non sexa un obstáculo para utilizar este servizo”.

O alcalde tamén recordou as melloras executadas este verán polo Concello no CEIP Isidora Riestra, que permitiron habilitar un novo espazo para o comedor escolar dentro do propio centro. Esta actuación dá resposta a unha demanda das familias e evita que o alumnado teña que saír ao patio para acceder á aula anexa na que anteriormente se prestaba o servizo, unha situación especialmente incómoda nos días de choiva.

Moldes agradeceu, ademais, a implicación e o traballo das ANPAS do municipio na xestión dun servizo que considera esencial para facilitar a organización diaria de moitas familias. Actualmente, máis de 200 nenos e nenas utilizan algún dos cinco comedores escolares que funcionan nos colexios de Poio, unha cifra que pode variar ao longo do curso en función das necesidades familiares.

Neste sentido, lembrou que en xuño de 2023 Poio contaba con comedores escolares en só dous colexios do municipio, fronte aos cinco que dispoñen actualmente deste servizo. “En pouco máis de tres anos pasamos de dous a cinco comedores escolares, grazas á implicación conxunta das familias, dos centros educativos e á aposta decidida do Goberno local por facilitar a conciliación”, concluíu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio