Rocío Cochón presenta un balance da tempada estival no Hotel Combarro, xunto ao propietario Francisco Fuentes, e destaca uns datos récord en varios indicadores entre xuño e setembro, cun agosto de case plena ocupación. As oficinas de turismo atenderon preto de 9.000 persoas e as variantes xacobeas sumaron máis de 8.000 peregrinos de 60 nacionalidades durante os meses de verán. Rexistráronse preto de 4.100 visitas a Tambo durante unha tempada de visitas na que o concello reforzou a seguridade e a información e continuou coa prioridade de conxugar o coñecemento da illa coa conservación, a seguridade e o coñecemento dun tesouro único.
Poio pechou a tempada de verán de 2026 cunha ocupación turística de case o 80% entre o 15 de xuño e o 20 de setembro, cun agosto de récord e datos moi positivos en distintos indicadores. A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, presentou un balance da tempada estival durante unha visita ao Hotel Combarro, acompañada polo seu propietario, Francisco Fuentes, na que tamén deu a coñecer os datos das oficinas de información turística, das variantes xacobeas, da Illa de Tambo e doutros recursos do municipio recollidos polo sector e os técnicos municipais.
A responsable municipal destacou que agosto acadou unha ocupación media do 95,39%, practicamente un pleno, precisamente nun momento no que Poio dispón da maior oferta de aloxamento da súa historia, con 4.943 prazas. A celebración da Festa da Ameixa de Campelo, a primeira co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, foi outro dos momentos fundamentais do sector en 2026, que tamén contribuíu á alongar a actividade turística do municipio despois dos meses de xullo e agosto.
“Facendo balance, confirmamos a capacidade de Poio para atraer visitantes con intereses, perfiles… moi diversos, e o papel fundamental dun sector que xera riqueza e emprego. Queremos acompañar os seus profesionais e seguir facendo de Poio un destino de referencia e o mellor lugar para visitar e para dedicarse ao turismo”, sinalou Cochón.
A concelleira agradeceu o traballo do Hotel Combarro, un establecemento con 57 prazas que desenvolve a súa actividade desde 1993 na Pinela, precisamente no punto no que se bifurcan a Variante Espiritual e a Ruta do Padre Sarmiento, cunha localización que o vincula directamente ao desenvolvemento das dúas rutas xacobeas que atravesan o Concello. Así, felicitou tanto ao xerente como ao fundador Francisco Fuentes, que os acompaño na visita.
Ademais, durante os meses de verán, as variantes xacobeas sumaron máis de 8.000 peregrinos de 60 nacionalidades, confirmando que o Camiño é agora mesmo un vector fundamental turístico e económico. Pola súa banda, as oficinas municipais de información turística de Combarro e do Casal de Ferreirós atenderon preto de 9.000 persoas, mentres que a Casa Museo de Colón recibiu 305 visitantes.
O Porto Deportivo de Combarro mantivo o seu liderado na provincia, cunha ocupación próxima ao 80% durante o verán. O balance recolle, con todo, unha baixada importante en setembro vinculada ao problema das orcas, que afectou á actividade náutica.
A Illa de Tambo recibiu preto de 4.100 visitantes, un dato semellante a anos anteriores desde o inicio das visitas guiadas, e é que, como subliñou a edil, a prioridade municipal continúa sendo “conxugar a protección da illa coa posibilidade de dala a coñecer con seguridade e responsabilidade”.
Cochón explicou tamén que o Concello avanza en acordos coa Mancomunidade do Salnés para incluír a Illa de Tambo como visita recomendada na Ruta do Padre Sarmiento, reforzando a relación entre o patrimonio natural de Poio e a súa oferta xacobea.
A concelleira incidiu na necesidade de continuar traballando por un turismo sostible e responsable, coa desestacionalización e a proxección nacional e internacional do municipio como obxectivos. Neste sentido, destacou as Xornadas Gastronómicas da Ameixa, iniciativas arredor das variantes xacobeas ou eventos deportivos e culturais como exemplos de propostas que permiten atraer visitantes máis alá da tempada alta. “Temos motivos para visitar Poio durante todo o ano. O noso traballo é poñelos en valor, apoiar un sector líder e facer que esa actividade beneficie ao conxunto do concello, coidando o patrimonio e os recursos que nos fan únicos”, concluíu.