A Ameixa de Campelo sae ao Camiño para dar a coñecer a tradición mariñeira de Poio a peregrinos dos cinco continentes

02/10/2026

Ángel Moldes: “Queremos dar a coñecer ao resto do mundo un produto tan importante para a nosa economía e identidade como é a ameixa de Campelo e aos homes e mulleres do mar de Poio”. Setembro deixa un récord con case 2.500 peregrinos rexistrados no Mosteiro e o Concello, cun 75% de orixe internacional, e confirma o potencial do Camiño como motor económico fóra da tempada alta.

A ameixa de Campelo saíu hoxe ao Camiño para axudar a repoñer forzas a preto de 200 peregrinos de países dos cinco continentes que atravesaron a Variante Espiritual. Os xardíns do Mosteiro de Poio acolleron unha degustación gratuíta na que se repartiron 40 quilos de ameixa. Camiñantes dos cinco continentes, entre os que se contaron estadounidenses, alemáns, italianos, chineses, franceses, canadenses, australianos ou surafricanos, así como varias comunidades autónomas de España fixeron un alto na súa ruta para descubrir o sabor do produto da ría e levar un recordo dunha xornada diferente.

O alcalde, Ángel Moldes, que inaugurou a actividade acompañado da concelleira de Turismo, Rocío Cochón, explicou que o obxectivo da mesma é “dar a coñecer ao resto do mundo un produto tan importante para a nosa economía como é a ameixa da ría de Pontevedra e da lonxa de Campelo, así como o traballo dos homes e mulleres do mar”. Destacou a curiosidade dos peregrinos polo marisqueo e polo produto que acababan de degustar: “Para moitos era descoñecido e sorpréndelles ver que, a poucos metros do Mosteiro, as mariscadoras están traballando na ría. Preguntan como se cultivan as ameixas e, sobre todo, sorpréndelles o seu sabor”.

Moldes confía en que esa experiencia axude a dar proxección á ameixa máis alá de Poio. “Os peregrinos marchan encantados. Queremos que, cando se senten á mesa ou regresen aos seus países, demanden un produto tan importante e ás veces tan descoñecido como é a nosa ameixa”, sinalou. O rexedor agradeceu a implicación das confrarías e do sector do mar nesta iniciativa.

A iniciativa “Ameixa no Camiño”, impulsada polo Concello de Poio, achegou aos peregrinos das variantes xacobeas a celebración gastronómica máis senlleira do municipio e o traballo das mulleres e dos homes do mar. Ademais de probar as ameixas, os participantes puideron coñecer máis sobre a festa e a tradición mariñeira de Campelo a través dunha exposición fotográfica, material informativo en varios idiomas e as explicacións do persoal municipal.

A concelleira Rocío Cochón destacou que despois do gran éxito da Festa da Ameixa de Campelo, neste ano no que foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e batiu récords de participación e proxección, esta era unha oportunidade para que todos os peregrinos dos cinco continentes que chegan a Poio “descubran o noso produto e coñezan as persoas que o recollen na ría”.

“Non podemos estar máis orgullosos da nosa Festa máis senlleira, da ameixa e da nosa xente do mar. Por iso queremos achegar a eses máis de 40.000 peregrinos que fan as variantes por Poio quen somos, darlles a descubrir a cultura mariñeira que forma parte da nosa identidade e marche pensando xa en volver”, sinalou. A edil explicou que a proposta busca que os camiñantes “repoñan forzas, leven un gran sabor de boca e lembren Poio tamén por esta experiencia no seu Camiño”.

O encontro estivo amenizado pola música tradicional, da man de Juanjo Mariño, director da Escola de Acordeóns de Campelo. Ademais, todos os participantes recibiron unha postal coa fotografía “Tres cunchas”, de María José Fraga Amboaje, gañadora do Concurso de Fotografía da Festa da Ameixa deste ano.

UN SETEMBRO TAMÉN DE RÉCORD NO CAMIÑO

A celebración da “Ameixa no Camiño” -parte da programación complementaria dunha 38ª Festa da Ameixa de Campelo de récord- chega despois dun setembro tamén de récord no camiño, con case 2.500 peregrinos rexistrados nos puntos de atención do Mosteiro e do Concello, arredor dun 75 % deles de orixe internacional. É a cifra máis alta desde que se toman rexistros e supón case 1.000 camiñantes máis que no mesmo mes do ano pasado.

Estes datos amosan o potencial do Camiño para manter a actividade turística máis alá do verán. “Estamos falando de setembro, cun movemento de peregrinos que permite seguir xerando actividade cando remata a tempada alta. O Camiño é unha oportunidade para a nosa hostalaría, o comercio e o conxunto do municipio”, destacou Cochón.

Por iso, con propostas como a Ameixa no Camiño queren que esa oportunidade se traduza tamén nun maior coñecemento de Poio: que os peregrinos paren, proben o produto e descubran a historia e a xente local.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio