Os traballos incluirán renovación do firme, con solucións para integrar toda a contorna, eliminar as barreiras arquitectónicas e favorecer ao peón fronte ao tráfico rodado. Trátase dunha rúa que vertebra toda a zona norte de Combarro, con accesos desde a PO-308 e situada na contorna máis próxima ao Centro de Saúde, á igrexa principal da vila e do aparcamento disuasorio municipal.
O Concello de Poio vén de adxudicar a humanización e mellora dos servizos na rúa Pedaporta, en Combarro, un proxecto que ascende a 252.590,15 euros e que executará a empresa EC Casas.
A actuación, que se executará con fondos propios, contempla a renovación do firme, con solucións que permitan integrar toda a contorna, eliminar as barreiras arquitectónicas e favorecer o peón fronte ao tráfico rodado. As melloras permitirán tamén resolver o problema histórico que se produce neste lugar coa acumulación de augas pluviais, mediante a súa recollida e evacuación cara a colectores ou regatos que aseguren o seu correcto desaloxo. Ademais, substituirase a rede de abastecemento.
Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, que se achegou esta mañá ata o lugar xunto ao concelleiro Cándido Muíños, esta rúa vertebra a zona norte de Combarro, con acceso nos dous extremos desde a PO-308, e atópase próxima ao Centro de Saúde, á igrexa principal da vila e ao novo aparcamento disuasorio municipal. Trátase, polo tanto, dunha rúa moi transitada pola veciñanza, na que actualmente conviven peóns cun importante fluxo de vehículos sen unha delimitación clara dos diferentes espazos. Unha situación que se agrava polo estado do firme, con afundimentos, fendas e irregularidades que reducen non só a comodidade, senón tamén a seguridade das persoas usuarias.
“Esta actuación busca acadar unha contorna máis segura, accesible e visualmente homoxénea, e permitirá conseguir un impacto directo na calidade de vida das persoas usuarias e da veciñanza de Pedaporta”, destaca Moldes.
Unha vez formalizada a acta de comprobación do replanteo, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de cinco meses para executar a obra.
Neste momento, o Concello de Poio está a executar tamén a primeira fase das obras de mellora do firme, da recollida de pluviais e da seguridade no camiño da Escola, en Chancelas, con financiamento da Deputación de Pontevedra.
Tamén en Combarro avanzan as obras de recuperación da contorna e mellora da mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón, que encaran xa a súa recta final.
Ademais, en San Xoán estase a actuar na Travesía do Muíño e no Camiño da Bouza, dentro dunha primeira fase de mellora destes viais municipais que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e que inclúe a renovación do pavimento e das arquetas, así como a limpeza das cunetas.