O Concello achega 100 € por neno/a e curso para apoiar ás familias, cunha exención total da cota para menores en situación de vulnerabilidade.
Xa está aberto o prazo para anotarse nas Escolas Deportivas do Concello de Poio, que darán comezo a partir do mes de outubro. O concelleiro, Cándido Muíños, explica que hai doce disciplinas diferentes, desde fútbol e fútbol sala, ata balonmán, baloncesto, ximnasia rítmica, tenis, ciclismo, taekwondo, piragüismo, atletismo, kick-boxing e rugby. Unha ampla oferta deportiva que busca ofrecer ás nenas e nenos do municipio a oportunidade de iniciarse ou continuar a súa formación deportiva nun contorno saudable, educativo e accesible.
O concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, sinala que esta iniciativa forma parte do compromiso claro do Goberno local co deporte base. Ademais de apoiar a celebración de eventos deportivos de primeiro nivel e mellorar de forma continua as instalacións municipais, o Concello mantén un investimento constante na formación e promoción do deporte entre os máis pequenos, entendendo que aí é onde se constrúe o futuro deportivo da vila.
Neste sentido, o Concello contribúe economicamente co funcionamento das escolas mediante unha achega directa de cen euros por cada alumno e curso, unha medida que permite reducir significativamente o custo que deben asumir as familias. Ademais, nos casos de menores pertencentes a unidades familiares con menos recursos, e sempre que esta situación estea acreditada polo departamento de Servizos Sociais, o Concello asume a totalidade da cota de inscrición, garantindo así que ningún neno ou nena quede fóra por razóns económicas.
As actividades das escolas deportivas comezarán a partir de outubro, seguindo os días e horarios establecidos para cada disciplina. Os grupos formaranse en función das idades e do número de participantes. Toda a información necesaria para formalizar a inscrición está dispoñible na páxina web oficial do Concello de Poio, onde se poden consultar os requisitos, a documentación a presentar, así como os contactos dos clubs encargados da xestión directa das inscricións.