Os datos excepcionais esténdense a todo o concello e alcanzan o 97% en Raxó, onde Rocío Cochón presentou o balance durante unha visita a Apartamentos Xulia acompañada dos propietarios, Xulia Souto e Ramón González. As oficinas municipais atenderon a 4.501 usuarios, as variantes xacobeas sumaron 1.733 peregrinos e o Porto Deportivo de Combarro mantivo o seu liderado provincial nos tránsitos, cun importante crecemento dos visitantes internacionais en todos os ámbitos
Poio pechou un agosto excepcional en termos turísticos, cunha ocupación media do 95,39% nos aloxamentos do municipio, unha cifra de récord que, na práctica, supuxo «colgar o cartel de completo». A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, presentou este venres o balance mensual durante unha visita a Apartamentos Xulia, en Raxó, acompañada polos propietarios, Xulia Souto e Ramón González.
Cochón destacou que a taxa de ocupación medrou 3,59 puntos con respecto á rexistrada en agosto de 2025 e acadouse, ademais, nun momento no que Poio dispón da maior oferta aloxativa da súa historia, 4.943 prazas. Para Cochón, estes datos confirman o «estado de graza» do turismo local e consolidan o municipio como un destino de referencia, con capacidade para seguir medrando “tanto en cantidade como en calidade”.
As oficinas municipais de información turística recibiron en agosto a 4.501 usuarios, dos que a metade foron atendidos na oficina temporal da Festa do Mar, onde se rexistrou unha importante subida de usuarios internacionais. Ao mesmo tempo, o Porto Deportivo de Combarro rexistrou practicamente un pleno durante agosto e mantivo o seu liderado como a marina con maior número de tránsitos da provincia, con 125 embarcacións de 11 países. Asemade, as variantes xacobeas que atravesan Poio continuaron gañando forza: 1.733 peregrinos selaron as súas credenciais no Mosteiro ou no Concello, aproximadamente a metade deles estranxeiros procedentes de máis de 40 países: “Todos estes datos, e as impresións que recibimos do sector, falan dunha capacidade cada vez maior para atraer visitantes internacionais, un dos eixos estratéxicos deste Goberno”, incidiu Cochón.
A edil subliñou que estes resultados extraordinarios se estenderon ao conxunto do concello. Precisamente en Raxó, a ocupación chegou ao 97%, unha cifra pola que felicitou a Souto e González, e a todos os profesionais do sector na parroquia.
Destacou que Apartamentos Xulia, que celebrou recentemente o seu 20º aniversario, é xa un establecemento histórico que contribuíu a desenvolver Raxó como un puntal turístico do Concello, cunha personalidade propia e unha amplísima oferta, pese a ser a parroquia máis pequena do Concello en extensión.
Cochón estendeu o seu agradecemento polo esforzo realizado durante toda a tempada alta aos profesionais dos aloxamentos, á hostalaría, ás empresas de servizos e a todas as persoas que “poñen o seu gran de area para crear este destino extraordinario, este Poio único que está a crecer, a xerar riqueza e emprego e a proxectar o noso concello ao mundo”.
A responsable de Turismo subliñou que os extraordinarios datos de xullo e agosto, unidos ás boas previsións para os próximos meses, “son a base ideal” sobre a que seguir impulsando a desestacionalización, a internacionalización e a diversificación”.
Neste sentido, Cochón explicou que o Concello continúa traballando para que os bos resultados se manteñan durante todo o ano, cunha programación que pon en valor o potencial turístico do Concello, en todas as súas vertentes, como o patrimonial, gastronómico, natural, deportivo ou xacobeo.
Entre as próximas citas destacou a 38ª Festa da Ameixa de Campelo, a primeira despois da designación como Festa de Interese Turístico de Galicia, e todas as actividades arredor da mesma, como as Xornadas Gastronómicas, así como o congreso que a Academia Xacobea celebrará a vindeira semana no Mosteiro de Poio, con especial enfoque na Ruta do Padre Sarmiento.
“E moitos outros motivos para visitarnos e descubrir un Poio único con gastronomía, natureza, deporte, cultura, patrimonio e moito máis os 365 días do ano”.