Natividad Torres: “É importante manterse activos, exercitar a mente e interactuar con outras persoas, cuestións que repercuten de xeito directo nunha maior calidade de vida”.
O Concello de Poio, a través da Concellería de Benestar e Igualdade, mantén durante este curso unha ampla programación de actividades para fomentar unha vida activa, exercitar a mente e favorecer a socialización, á que este ano se incorporan dúas novidades: o club de lectura “Letras que unen” e Bailoterapia.
A oferta complétase con propostas xa consolidadas como tai-chi, corte e confección, coro, taller de memoria, labores do mundo, teatro, ioga, pilates e o programa Saudemente, con actividades que se desenvolven ao longo do ano en diferentes parroquias do municipio.
Aínda quedan algunhas prazas dispoñibles e as persoas interesadas poden solicitar máis información no Pazo Besada ou a través do teléfono 986 872 401.
O novo club de lectura “Letras que unen” reunirá unha vez ao mes no Pazo Besada as persoas participantes co obxectivo de fomentar o hábito lector e, ao mesmo tempo, crear un espazo de encontro e conversa.
A proposta non busca poñer o foco no número de páxinas lidas, senón en compartir impresións, intercambiar opinións e gozar da lectura en boa compañía. Cada mes seleccionaranse títulos sinxelos e accesibles, tanto en galego como en castelán, que posteriormente serán comentados nas sesións.
Outra das novidades deste curso é Bailoterapia, unha actividade que combina exercicio físico con coreografías divertidas ao ritmo de diferentes estilos musicais. A proposta contribúe a mellorar o equilibrio e a coordinación, estimula a memoria, axuda a reducir o estrés e favorece a socialización nun ambiente alegre e seguro.
As sesións desenvolveranse os martes na Casa Rosada, de 18.00 a 19.00 horas, en colaboración coa Asociación Cultural Coro Virxe da Renda. A cota é de 15 euros ao mes.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, destaca a importancia de participar neste tipo de propostas. “É importante manterse activos, exercitar a mente e interactuar con outras persoas, cuestións que repercuten de xeito directo nunha maior calidade de vida”, sinala.
Torres tamén pon en valor o traballo realizado polo persoal de Servizos Sociais para que o Concello de Poio poida ofrecer á veciñanza “unha programación variada e atractiva ao longo de todo o ano”.
UNHA AMPLA PROGRAMACIÓN DURANTE TODO O CURSO
As actividades de ximnasia (tai-chi) desenvólvense en dous grupos as mañás dos luns, mércores e venres, ás 10.00 e ás 11.00 horas, na Casa Rosada, cun prezo de 12 euros mensuais.
As clases de ioga teñen lugar no mesmo espazo os martes e xoves ás 9.15 horas, cunha cota de 30 euros ao mes. Pola súa banda, pilates impártese os martes e xoves ás 10.30, 19.15 e 20.30 horas, tamén cunha cota mensual de 30 euros. Ambas as actividades organízanse en colaboración coa Asociación de Mulleres Airiños do Mar de Combarro.
As clases de corte e confección impartiranse os luns e mércores na Casa Rosada, ás 17.00 e ás 18.30 horas, cun custo de 27 euros ao mes. É requisito que o alumnado dispoña dunha máquina de coser portátil ou que poida compartila con outra persoa inscrita no curso.
A programación inclúe tamén o grupo de teatro para persoas adultas, que se desenvolverá os venres de 19.30 a 21.00 horas, e o coro de maiores, os xoves de 17.00 a 19.00 horas. Ambas as actividades terán lugar na Casa Rosada.
O taller de memoria, destinado preferentemente a persoas maiores de 60 anos, impartirase os luns e mércores de 17.00 a 19.00 horas e terá unha cota de 10 euros ao mes.
Pola súa banda, as clases de labores do mundo impártense os venres de 17.00 a 20.00 horas e están organizadas pola Asociación de Mulleres Progresistas. Nelas realizaranse actividades de bordado, calceta, punto iugoslavo, gancho, crochet ou patchwork, entre outras. A actividade ten un custo de 25 euros ao mes.
Ademais, o programa Saudemente terá carácter itinerante e desenvolverase na Seca, Campelo, Combarro, Raxó, Samieira, Vilariño e A Ucha.
PROGRAMA DE PREVENCIÓN DO ALZHÉIMER E PROMOCIÓN DA SAÚDE
A programación de Benestar complétase cos talleres de prevención do alzhéimer e promoción da saúde que o Concello desenvolve coa colaboración de AFAPO (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Pontevedra).
Están destinados a persoas maiores de 55 anos e teñen como obxectivo fomentar un envellecemento activo. Esta acción, incluída no Plan Social de Ence, desenvólvese os venres, de 10.00 a 12.00 horas, na Casa Guardeses, na finca do Pazo Besada.