Preto de 50 nenos e nenas participaron na Semana Máxica do Concello de Poio, unha iniciativa lúdica destinada para a mocidade e que inclúe aloxamento, xogos, obradoiros, excursións e veladas nocturnas, todo nun ambiente de convivencia e diversión.
O alcalde, Ángel Moldes, compartiu a pasada semana almorzo e tempo de xogo cos participantes das dúas quendas, para así coñecer as súas impresións e opinións da experiencia, que incluíu actividades como sendeirismo, expresión artística, xogos de grupo e obradoiros creativos. Este ano, ademais, como novidade incluíuse un bautismo hípico, que espertou gran interese entre todos os nenos e nenas participantes.
O rexedor destacou o éxito e a importancia de organizar este tipo de iniciativas para a mocidade, para que gocen dun verán de experiencias únicas, e lembrou que este verán o Concello de Poio puxo en marcha un amplo abano de actividades para que a rapazada pase un verán inesquecible.