Ángel Moldes: “Estamos ante unha Festa do Mar con contido, única e con identidade propia, que vai moito máis alá da gastronomía e do ocio. É unha celebración que combina cultura, patrimonio, tradición, música e divulgación, e que serve para poñer en valor a nosa identidade mariñeira e as nosas raíces”.
O Concello de Poio pechou unha edición “histórica” da Festa do Mar, “sobresaliente e participativa, cun ambiente espectacular durante todas as xornadas e cunha resposta masiva da veciñanza e das persoas visitantes”.
É a valoración que fai o alcalde de Poio, Ángel Moldes, ao remate dunha edición que rexistrou un cheo absoluto en practicamente todas as propostas incluídas na programación. “Todas as propostas, de principio a fin, foron un éxito absoluto. Desde a Carpa-Museo, que espertou o interese de veciños e visitantes, ata as sesións vermú con música en directo e degustación de pratos tradicionais, o encontro de embarcacións, as actividades culturais e infantís e os concertos”, destaca Moldes. E, neste sentido, subliña que o concerto de Café Quijano foi, sen dúbida, un dos momentos históricos desta edición: “deixounos unha desas noites que quedan para o recordo, un concerto impresionante cunha Praza de Chousa ateigada de principio a fin”.
Con todo, para o alcalde o máis importante é que “estamos ante unha Festa do Mar con contido, única e con identidade propia, que vai moito máis alá da gastronomía e do ocio. É unha celebración que combina cultura, patrimonio, tradición, música e divulgación, e que serve para poñer en valor a nosa identidade mariñeira e as nosas raíces”.
Neste senso, subliña que “se consolidan os cambios que este Goberno foi introducindo nas últimas catro edicións, e que nos permiten falar con orgullo dunha celebración para a veciñanza de Poio e de Combarro, pero tamén dunha festa capaz de atraer visitantes e proxectar o noso municipio”.
Así, destaca que “as numerosas felicitacións e o recoñecemento recibido por parte de veciños, visitantes e hostaleiros, que puxeron en valor a calidade das festas, son tamén unha mostra do éxito desta edición. Un recoñecemento que agradecemos e que, ao mesmo tempo, deixa o listón moi alto para a próxima edición da Festa do Mar”.
Por último, agradeceu o traballo e a implicación de todas as persoas e colectivos que colaboraron coa organización da Festa do Mar. “O éxito é que cada ano máis persoas e entidades se suman para poñer en valor a nosa identidade mariñeira”.
REXISTROS NA OFICINA DE TURISMO INSTALADA NA CHOUSA
Desde o xoves e ata o domingo, a Oficina de Turismo de Poio trasladouse á Praza da Chousa para atender aos visitantes que se achegaron. Así, durante os catro días, atendeuse a preto de 2.500 persoas, un 2% máis que en 2025. De todas elas, o 91% foron nacionais e o resto, estranxeiros. Houbo consultas procedentes de 22 países diferentes, principalmente de Portugal, Italia, Francia ou Reino Unido. Entre os visitantes nacionais, a maior parte procedían de Madrid, Cataluña, País Vasco, Valencia ou Andalucía.