O Concello habilita un comedor escolar en Viñas e garante este servizo de conciliación en todos os colexios do municipio

23/08/2026

Ángel Moldes: “Traballando ao carón das ANPAS e dos centros, conseguimos ampliar un servizo fundamental para as familias de todo o concello”. Salienta que en xuño de 2023 só había comedores en dous colexios de Poio: “Este curso funcionarán en todos os centros de primaria”. Máis da metade do alumnado do centro xa solicitou facer uso deste servizo durante o curso escolar.

O Concello de Poio vén de colaborar co CEIP de Viñas para habilitar un comedor escolar no colexio e ofrecer ás familias este novo servizo de conciliación a partir de setembro. Coa posta en marcha deste comedor, o Concello de Poio garante este servizo de conciliación en todos os colexios do municipio.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, que visitou as novas instalacións xunto coa concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e coa directora do centro, Arelis Moreira, destacou que “traballando ao carón das ANPAS e dos centros, conseguimos ampliar un servizo fundamental para garantir a conciliación das familias de todo o concello”.

En concreto, no colexio de Viñas as obras centráronse en adaptar unha antiga aula para albergar o novo comedor escolar: pintáronse as paredes, substituíuse o teito, adaptouse un espazo para albergar a cociña con laminado de metal e instalouse iluminación intelixente.

Desde o centro confirmaron o interese que espertou este servizo entre as familias, e de feito, 33 dos 57 alumnos do centro xa solicitaron facer uso do comedor durante o curso.

Moldes recordou que en xuño de 2023 Poio contaba con comedores escolares en só dous colexios do municipio: “Este curso funcionarán en todos os centros de primaria. En só tres anos, pasamos de 2 a 5 comedores escolares, grazas á implicación conxunta das familias, dos centros e dunha aposta clara do Goberno local para facilitar a vida das familias”. Ademais, explicou que a posta en marcha deste servizo vai acompañada das “importantes axudas” que ofrece o Concello de Poio para os usuarios destes comedores, unhas axudas que aumentaron tamén de 1,5 a 2 euros por neno e menú. Así, durante o pasado curso, o Concello de Poio repartiu arredor de 45.000 euros en axudas ás familias para cofinanciar o custe dos comedores escolares do municipio, co obxectivo de reducir de xeito significativo o prezo que pagan por este servizo de conciliación, cun aforro medio aproximado de 42 euros ao mes por fillo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio