O porto deportivo de Combarro, líder da provincia durante o verán con 298 embarcacións que xeraron un impacto económico para Poio de preto de 200.000 euros

19/08/2026

Rocío Cochón visitou as instalacións co novo director do Porto, Xisco Campos, e destacou o atractivo de Poio para os visitantes que chegan a través do mar.

Poio segue a consolidarse como destino líder en turismo náutico da provincia de Pontevedra, cun importante impacto para a economía do municipio. O porto deportivo de Combarro recibiu entre o 1 de xuño e o 15 de agosto 298 barcos en tránsito de 17 bandeiras diferentes, converténdose no máis transitado da provincia e o terceiro de Galicia. Ademais, segundo as estimacións de Portos de Galicia e as asociacións de náutica de Galicia, que cifran en 200 € ao día o volume de negocio que cada embarcación deixa no destino, esta actividade xerou un impacto económico estimado de cerca de 190.000 euros.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, visitou as instalacións portuarias xunto ao novo director, Xisco Campo, que asumiu recentemente a dirección das instalacións, para poñer en valor o potencial desta modalidade turística, o importante impacto positivo na economía do municipio e o atractivo de Poio para os visitantes que chegan a través do mar. Durante o percorrido, a edil comprobou tamén algunhas das melloras realizadas nas instalacións nos últimos meses -substitución de lamas deterioradas, repintado e embellecemento de varias zonas, medidas de control do consumo de auga- e constatou a práctica situación de “completo”, un verán máis, con máis do 90% dos amarres cubertos actualmente.

Cochón subliñou ademais o perfil do visitante que chega por esta vía, e a dimensión internacional do turismo náutico, xa que das 298 embarcacións recibidas, 145, case a metade do total navegan baixo bandeira estranxeira- sendo o 51% restante de procedencia española.

Entre as embarcacións foráneas, a orixe máis frecuente durante esta tempada está a ser Reino Unido -9,5% do total-, seguida de Irlanda, Francia e Polonia, con máis de 15 embarcacións cada unha. Ademais, o peirao combarrés tamén recibiu barcos de países como Estados Unidos, Suráfrica, Suecia ou Noruega.

Cochón salientou a capacidade destas instalacións para acoller a navegantes non só en verán senón durante todo o ano, ás súas condicións e localización privilexiadas, protexido como abrigo natural na ría de Pontevedra. Nese sentido, Cochón, subliñou que os datos “reforzan as oportunidades que ofrece o turismo náutico para Poio, non só para a internacionalización do destino, senón tamén para a desestacionalización”.

Cochón destacou a importante repercusión deste tipo de turismo na hostalaría, no comercio, nos servizos locais e na propia imaxe exterior do municipio: “Cando un navegante conta no seu lugar de orixe como é chegar a Poio por mar, fala da nosa cultura mariñeira, da nosa paisaxe… é a mellor campaña turística de Poio”.

Por último, agradeceu ao equipo de Campo “a excelente acollida que ofrecen aos navegantes” e a súa contribución para “atraer turismo sustentable, de calidade, que dinamiza a economía e nos proxecta ao mundo ao redor dun eixo da nosa identidade: o mar”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio