A Festa do Mar encherá Combarro de música, gastronomía e tradición mariñeira do 20 ao 23 de agosto

18/08/2026

A programación inclúe sesións vermú con degustación e música en directo, certame de Canción Mariñeira, encontro de embarcacións tradicionais e os espectáculos infantís dos Bolechas e do Mago Paco. A música será protagonista polas noites cos concertos gratuítos de Café Quijano e Depol, as sesións de DJ Matrek e Arrow, os espectáculos Xuntos pola Música de Antonio Barros e Lys Pardo e a actuación de Panorama City.

Todo está preparado en Poio para celebrar unha nova edición da Festa do Mar, que do xoves 20 ao domingo 23 de agosto converterá a Praza da Chousa, en Combarro, nun escaparate da identidade e tradición mariñeira do municipio. Serán catro días cunha ampla programación que combina música, gastronomía, cultura e actividades para todos os públicos.

O Concello de Poio deseñou unha programación intensa e variada, con propostas desde o mediodía ata a madrugada e con Depol e Café Quijano como grandes reclamos musicais. A eles súmanse a Orquestra América, Panorama City, DJ Arrow, DJ Matrek, Antonio Barros e Lys Pardo e numerosas formacións e agrupacións que pasarán durante estes días por Combarro.

Pero a Festa do Mar volverá ser moito máis que música. Durante catro días, Combarro converterase nun escaparate da cultura mariñeira de Poio, reunindo embarcacións tradicionais, gastronomía, tradición e propostas de lecer para públicos de todas as idades

O programa reserva un papel protagonista á cultura mariñeira, cunha Carpa-Museo con exposicións, así como certame de canción mariñeira, degustacións de produtos tradicionais nas sesións vermú con música en directo e o Encontro de Embarcacións Tradicionais, que xa vai pola 30 edición e que vai en Combarro diferentes embarcacións con navegacións, regatas e actividades vinculadas ao patrimonio marítimo.

MESA DE COORDINACIÓN ENTRE CONCELLO E FORZAS DE SEGURIDADE

Precisamente, dentro dos preparativos para garantir a seguridade da festa, o Concello de Poio mantivo esta mañá unha reunión de coordinación do dispositivo especial de seguridade, deseñado ante a previsión alta de visitantes durante os catro días de festa. Na reunión, xunto co alcalde Ángel Moldes e os concelleiros Fran Dasilva e Maritxe González, tamén participaron representantes da Policía Local de Poio, Protección Civil de Poio, Garda Civil de Pontevedra, así como empresa de seguridade privada e persoal municipal. Ademais de coordinar os corpos de seguridade que van participar no operativo, tamén se estableceron os aparcadoiros disuasorios dispoñibles durante os catro días de celebración. Así, ademais do aparcadoiro da rúa Maceiras, habilitarase aparcamento no Porto da Canteira, no colexio de Chancelas así como na explanada da Seca.

INICIO DA FESTA O XOVES, DÍA 2O

A programación arrancará este xoves 20, ás 12.00 horas, coa inauguración oficial da Festa do Mar 2026 e a apertura da Carpa-Museo sobre a cultura e a tradición mariñeiras, acompañada pola Escola de Música Tradicional de Poio. Unha nova edición dunha celebración que quere xa se está consolidando como un escaparate do sector do mar, poñendo en valor o legado cultural vencellado ao mar e visibilizando o papel estratéxico que ten no desenvolvemento económico e social do municipio.

Na Carpa-Museo, o visitante poderá descubrir desde exposicións de fotografías, ata maquetas de barcos, utensilios de pesca e outros útiles tradicionais cedidos polo Museo do Mar de Vigo, A Aixola,l Cultumar, Opmega, Ateneo Corredoira de Combarro e Amecomra.

Pola tarde, ás 19.00 horas, chegará unha das propostas dirixidas ao público familiar, co espectáculo infantil de Os Bolechas. A música tomará o relevo ás 21.30 horas co concerto Xuntos pola Música, con Antonio Barros e Lys Pardo, mentres que a Orquestra América, a partir das 23.00 horas, será a encargada de pechar a primeira xornada.

SESIÓN VERMÚ E DEPOL, PROTAGONISTAS DO VENRES 21

O venres 21 abrirá ás 12.00 horas a carpa de exposicións sobre cultura e tradición mariñeiras. A partir das 13.30 horas celebrarase a sesión vermú da Festa Mariñeira, coa música en directo de La Mosca Valiente e degustación de produtos tradicionais.

Pola tarde chegará a Mostra da Canción Mariñeira, coa actuación do Orfeón Pontis Veteris, ás 20.00 horas, e Abóbriga, ás 21.00 horas.

A programación nocturna continuará ás 22.30 horas con DJ Arrow, que dará paso ás 23.30 horas a un dos concertos máis agardados desta edición: Depol. O artista, un dos nomes destacados do pop español actual, chega a Combarro con éxitos que acumulan millóns de reproducións. Tras o concerto, DJ Arrow regresará ao escenario para prolongar a festa.

Esta mesma xornada comezará tamén a 30 edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais, coa recepción das embarcacións ás 17.00 horas e navegación libre a partir das 18.00 horas.

CAFÉ QUIJANO E REGATAS, O SÁBADO 22

O sábado 22 concentrará unha intensa actividade desde primeira hora. A Carpa-Museo abrirá tamén ás 12.00 horas e, ás 13.30 horas, celebrarase un novo vermú mariñeiro, nesta ocasión coa música en directo de 7 Motivos e degustación de produtos tradicionais. Ás 19.00 horas, o Mago Paco ofrecerá un espectáculo infantil.

A música nocturna comezará ás 22.30 horas con DJ Matrek, antes de dar paso, ás 23.30 horas, a Café Quijano, outro dos grandes concertos da Festa do Mar 2026. Tras o concerto, DJ Matrek regresará ao escenario para prolongar a festa.

No encontro de embarcacións tradicionais, ás 11.00 horas disputarase a XXVI Regata da Pamplina a remo e ás 12.00 horas terá lugar a V Proba puntuable da Copa Morling de dornas Regata A Reiboa. Ás 13.00 horas haberá pasamares coas pandereteiras de Armadiña e O Ronsel. Pola tarde, ás 16.30 horas, terá lugar a entrega de premios da Copa Morling 2026 e, ás 18.00 horas, disputarase a XXVI Regata da Pamplina a vela.

CANCIÓN MARIÑEIRA, VERMÚ E PANORAMA CITY PARA DESPEDIR A FESTA

A última xornada, o domingo 23, comezará ás 10.00 horas cunha visita guiada á Illa de Tambo, dentro das actividades incluídas no Encontro de Embarcacións Tradicionais. Ademais, ás 16.30 horas terá lugar a navegación libre e despedida das embarcacións participantes no encontro.

Ás 12.00 horas volverá abrir a Carpa-Museo e ás 13.30 horas celebrarase o vermú mariñeiro coa música en directo de Los Támega e degustación de produtos tradicionais.

A programación continuará pola tarde con Vides Novas, ás 18.30 horas, e o pasarrúas de Máis Cantos, ás 19.00 horas. A Mostra da Canción Mariñeira regresará ás 20.00 horas con Maravalladas e ás 21.00 horas con Adelaida.

Ás 22.00 horas será a quenda de Panorama City, que animará a última noite da Festa do Mar antes do broche final, ás 23.30 horas, cun espectáculo de fogos de artificio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio