En agosto entran en funcionamento as dúas liñas do “Poio en Ruta”, con descontos a través das tarxetas moedeiro

24/07/2026

As persoas usuarias poden adquirir xa as tarxetas do Transporte Público de Galicia da Xunta, que ofrecen bonificacións para a mocidade e as persoas maiores de 65 anos. O resto das persoas usuarias poderá utilizar estas liñas por un prezo reducido de 0,85 euros.

As dúas liñas do servizo municipal «Poio en Ruta» entrarán en funcionamento en agosto, ofrecendo unha nova alternativa de mobilidade sostible, accesible e económica para a veciñanza. Trátase dun dos novos servizos impulsados polo Goberno local para dar resposta a unha demanda histórica do municipio, mellorando os desprazamentos internos e facilitando a conexión entre as parroquias, especialmente naquelas zonas que ata o de agora carecían de acceso ás liñas de transporte público que atravesan Poio.

O novo servizo nace co obxectivo de vertebrar o territorio, comunicar todas as parroquias e favorecer que a cidadanía poida desprazarse entre os distintos núcleos do municipio sen depender do vehículo privado nin de terceiras persoas, apostando por unha mobilidade máis sostible, eficiente e accesible.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destaca que «a posta en marcha do Poio en Ruta supón un antes e un despois na mobilidade do noso municipio. Cumprimos cun compromiso adquirido coa veciñanza para dar resposta a unha demanda histórica, conectando por primeira vez moitas zonas do interior que non contaban con transporte público e facilitando os desprazamentos entre todas as parroquias».

Moldes explica que o servizo iniciarase cun período de probas para analizar o seu funcionamento e introducir, se fose necesario, os axustes precisos nos percorridos co obxectivo de ofrecer a mellor resposta posible ás necesidades da veciñanza. «Queremos que sexa un servizo útil e eficaz, polo que estaremos atentos ás achegas dos usuarios para adaptalo á realidade do municipio», engade.

As persoas usuarias xa poden adquirir a Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG) na oficina de Abanca de Combarro. Posteriormente, poderá recargarse en calquera dos caixeiros da rede da entidade. Esta tarxeta, de carácter persoal, permite reducir o prezo do billete dos 1,60 euros ata os 0,85 euros por traxecto. Tamén con esta tarxeta, as persoas maiores de 65 anos contarán con bonificacións que lle permitirán facer 60 viaxes de balde ao mes. Ademais, as persoas menores de 21 anos poderán beneficiarse da Tarxeta Xente Nova, que lles permitirá acceder á mesma bonificación.

DÚAS LIÑAS PARA CONECTAR TODAS AS PARROQUIAS

As dúas liñas de transporte funcionarán de luns a venres, sempre en días hábiles. A primeira liña partirá da Barca e percorrerá Ferreirós, Beiro, Anafáns, Lourido, Campelo, O Casal, Os Canos, Vilariño, O Sartal, Arís, A Ucha, San Martiño, Fontenla e o Mosteiro de Poio.

Durante os meses de xullo e agosto sairá de luns a venres ás 9.20 horas, con regreso ás 12.00 horas. Entre setembro e xuño, a saída será ás 9.40 horas e a volta ás 12.40 horas.

Pola súa banda, a segunda liña partirá do Alto de Dorrón e dará servizo ao Pumar, A Publicada, Canturiño, a Igrexa de Samieira, o Camiño Real de Chancelas, a Travesía de Cidrás, Xuviño, O Esperón, O Pereiro, Casalvito, Combarro, A Pinela, A Santiña e o Mosteiro de Poio.

Nos meses de xullo e agosto, esta liña sairá ás 10.10 horas e regresará ás 12.50 horas. Entre setembro e xuño, a saída adiantarase ás 9.40 horas, con regreso previsto para as 12.40 horas.

Coa posta en marcha do «Poio en Ruta», o Concello dá un paso máis no seu compromiso por mellorar a mobilidade no municipio e ampliar as opcións de transporte público para a veciñanza, facilitando os desprazamentos diarios e contribuíndo a unha rede de comunicación máis cohesionada entre todas as parroquias.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio