Lourido celebra os 30 anos dos Xogos de Verán con actividades para toda a familia

23/07/2026

Desenvolveranse do luns 27 de xullo ao sábado 1 de agosto e é preciso inscribirse previamente en xogosdelourido.com.

Lourido quenta motores para celebrar o trinta aniversario dos Xogos de Verán, unha das citas máis esperadas do calendario estival no municipio. Organizados pola Asociación Cultural e Deportiva de Lourido, coa colaboración do Concello de Poio, desenvolveranse do 27 de xullo ao 1 de agosto cunha programación chea de actividades deportivas, obradoiros e espectáculos para toda a familia.

Durante seis días, Lourido converterase nun espazo de encontro, deporte e lecer, con propostas para todas as idades. As actividades concentraranse nas tardes, agás o sábado 1 de agosto, cando tamén haberá programación pola mañá. O público poderá participar en disciplinas como fútbol 6 base, vólei praia, tenis praia, petanca, ximnasia, chave ou zumba, ademais doutras actividades lúdicas e de animación.

Todas as actividades son gratuítas, pero é preciso realizar unha inscrición previa a través da páxina web xogosdelourido.com, onde tamén se pode consultar a programación completa, as diferentes modalidades e os horarios das competicións. No caso do torneo de fútbol 6 base, as inscricións realizaranse a través do WhatsApp 606 257 171 ou do correo electrónico clubfutbolbasepoio@gmail.com, indicando o nome, apelidos e DNI dos compoñentes de cada equipo.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, participaron esta mañá na presentación da programación, acompañados por representantes da Asociación Cultural e Deportiva de Lourido. A presidenta da entidade, Fina Moreira, lembrou a longa traxectoria desta iniciativa e destacou a elevada participación que rexistra cada ano. «Os Xogos de Verán son xa unha cita obrigada para moitos nenos e mozos do noso municipio. En cada edición participan centos de persoas e agardamos que todos gocen das actividades e propostas que preparamos con tanta ilusión».

Pola súa banda, Moldes puxo en valor o importante labor organizativo que realiza a asociación e agradeceu o seu compromiso para facer posible unha cita xa consolidada no verán de Poio. “Para o Concello é fundamental apoiar iniciativas como esta, que fomentan os valores do deporte, a convivencia e a participación, ao tempo que contribúen a dinamizar a actividade social e económica do municipio. Este tipo de eventos atraen visitantes, enchen de vida os nosos barrios e ofrecen á veciñanza alternativas de ocio e lecer atractivas e de calidade sen necesidade de desprazarse a outros municipios”, asegurou, ao tempo que recordou que este ano recibiron o premio San Xoán-Pepe Otero pola súa traxectoria nas últimas tres décadas.

PROGRAMACIÓN

Os Xogos de Verán arrancarán o luns 27 de xullo, ás 18.00 horas, coa pista de obstáculos. A continuación disputarase o primeiro partido do torneo de fútbol 6 base, as primeiras roldas de vólei praia e as eliminatorias de petanca.

O martes 28, tamén desde as 18.00 horas, haberá obradoiros de manualidades para a rapazada. Tras o encontro de fútbol 6 base celebraranse as segundas roldas de vólei praia. Ás 19.00 horas organizaranse xogos populares e a xornada rematará coa tradicional carreira de caramelos.

O mércores 29 volverá abrir a programación a pista de obstáculos, seguida dun novo partido do torneo de fútbol 6 base. A partir das 19.00 horas disputaranse as semifinais de vólei praia e a primeira rolda de tenis praia. Tamén haberá xogos populares, partidas de cartas e unha exhibición de ximnasia rítmica para pechar a xornada.

O xoves 30 comezará novamente coa pista de obstáculos. Despois do partido de fútbol 6 base será a quenda do espectáculo Pirata, de Barafunda Teatro. A programación completarase con novos encontros de vólei e tenis praia, xogos populares, as semifinais de chave e unha nova carreira de caramelos.

O venres 31 de xullo a xornada arrancará cunha xincana, seguida dunha sesión de zumba e da final de chave. As probas de bici praia e o tradicional partido de fútbol de persoas solteiras contra casadas porán o peche ao día.

Os Xogos de Verán concluirán o sábado 1 de agosto cunha intensa xornada final. Ás 9.00 horas celebrarase o concurso de pesca e ás 10.30 horas terá lugar a carreira popular. Xa pola tarde, o Parque Costa Xiráldez acollerá o fin de festa, coa entrega de premios, a actuación de Vides Novas e a animación musical dun DJ.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio