As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 10 de agosto. Esta actuación dará resposta a unha demanda histórica da veciñanza do Covelo e da parroquia de Samieira, e busca resolver as deficiencias actuais deste espazo.
O Concello de Poio vén de sacar a licitación as obras de transformación do Peirao do Covelo, en Samieira, para convertelo nun espazo máis seguro, accesible e integrado, mellorando a mobilidade peonil e a ordenación do tráfico.
As empresas interesadas poden rexistrar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de agosto, para un proxecto que conta cun orzamento de licitación de preto de 250.000 euros, grazas a un convenio asinado entre o Concello de Poio e Portos de Galicia, e cun prazo de execución das obras de seis meses, ao que hai que engadir os tempos administrativos necesarios para valorar as ofertas e adxudicar as obras.
O proxecto contempla a reordenación integral do vial e a eliminación de barreiras arquitectónicas mediante a creación dunha plataforma única en formigón semipulido con acabado raiado, que permitirá diferenciar a zona de circulación rodada da peonil e mellorar a accesibilidade e a seguridade ao longo de todo o percorrido.
Ademais, actuarase sobre a rede de recollida de augas pluviais para evitar que as escorrentías continúen desembocando nas praias do Covelo e de Area da Barca, desviándoas cara á zona de escollera e rochas existente. O proxecto completarase coa instalación dunha varanda ao longo da fronte marítima ata a ponte do Rego de Covelo e coa renovación da iluminación pública en toda a rúa, reforzando así a seguridade e a calidade deste espazo.
Un proxecto que permitirá reforzar o papel deste espazo como nodo de conexión turístico, residencial e hostaleiro, mellorando a experiencia de uso da cidadanía e optimizando a capacidade do lugar mediante unha nova configuración.
Esta actuación permitirá resolver as deficiencias que presenta actualmente o peirao, caracterizado polo desgaste do pavimento e a presenza de irregularidades, ao tempo que mellorará a seguridade, a accesibilidade e a integración deste espazo tan utilizado pola veciñanza e polos visitantes.