O proxecto, que conta cun orzamento de preto de 1,02M€, proporcionará atención integral ás persoas usuarias, incluirá un espazo de encontro interxeracional e reservará unha ampla zona verde con áreas de xogos tradicionais.
O Concello de Poio vén de abrir o prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas para executar as obras de rehabilitación e acondicionamento da antiga gardería de Campelo, que se converterá no futuro Centro de Maiores do municipio. As propostas poderán rexistrarse ata o vindeiro 10 de agosto.
O contrato conta cun orzamento base de licitación de 1,02 millóns de euros e tramitarase mediante procedemento aberto simplificado. Unha vez formalizada a adxudicación, o prazo de execución das obras será de sete meses, aos que haberá que sumar os prazos administrativos propios do procedemento de contratación. Este proxecto supón un paso decisivo para dotar a Poio dun novo espazo pensado para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, con instalacións modernas, accesibles e adaptadas ás súas necesidades.
A rehabilitación da antiga gardería permitirá ofrecer atención profesional sen que as persoas usuarias teñan que abandonar a súa contorna habitual, favorecendo o envellecemento no propio municipio e reforzando o apoio ás familias. O centro ofrecerá servizos como programas de estimulación cognitiva, rehabilitación funcional, comedor adaptado, transporte e acompañamento, contribuíndo a mellorar o benestar das persoas usuarias e a reducir a necesidade de hospitalizacións ou de ingresos prematuros en recursos residenciais.
O Concello adquiriu a antiga gardería de Campelo a comezos de 2024 coa vontade de transformala nun referente na atención ás persoas maiores e nun revulsivo social e económico para toda a contorna. Desde ese momento impulsouse a redacción dun proxecto integral, deseñado para responder ás necesidades de atención, coidados, actividade e socialización deste colectivo, así como para ofrecer apoio e respiro ás súas familias. Unha vez definido, o Goberno local conseguiu o financiamento necesario para facelo realidade a través do Plan Extra da Deputación de Pontevedra, que achega preto de 807.000 euros do investimento total.
O futuro Centro de Maiores foi concibido como un equipamento versátil e aberto á cidadanía. O proxecto contempla, por unha banda, un espazo de uso múltiple que funcionará como punto de encontro interxeracional e unha ampla zona verde de esparexemento, equipada cun campo de petanca, o tradicional xogo da rá e varias mesas para a práctica de xadrez e parchís.
Por outra banda, habilitarase un espazo específico destinado á atención das persoas maiores, con salas para talleres e actividades e unha distribución preparada para evolucionar cara a un centro de día especializado na atención a persoas con deterioro cognitivo ou enfermidade de alzhéimer.
Coa saída a licitación das obras, o Concello dá un novo paso para facer realidade un equipamento estratéxico que ampliará os recursos de atención ás persoas maiores, reforzará os servizos sociais municipais e contribuirá á dinamización social da contorna de Campelo.