«Non só reforzamos de xeito moi importante a prestación deste servizo á veciñanza, senón que ademais garantimos continuidade e estabilidade, porque estas dúas traballadoras sociais incorpóranse con praza fixa», sinala Ángel Moldes.
O Concello de Poio reforza os Servizos Sociais coa incorporación esta mesma semana de dúas novas traballadoras sociais con praza fixa, tras superar o correspondente proceso selectivo. Deste xeito, o departamento pasa de contar cunha única profesional a tres traballadoras sociais, unha medida inédita no municipio que permitirá ofrecer unha atención máis próxima, áxil e efectiva á veciñanza.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou este reforzo durante a reunión de traballo que mantivo esta semana coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para analizar o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un recurso que presta atención a 75 persoas no municipio. No encontro, celebrado no Pazo Besada, participaron tamén a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e as tres traballadoras sociais do Concello, co obxectivo de compartir a realidade do servizo e o traballo que desenvolven diariamente na atención á veciñanza.
Ángel Moldes subliñou que a incorporación destas dúas profesionais supón «un reforzo moi importante» dos Servizos Sociais municipais. «Non só reforzamos de xeito moi importante a prestación deste servizo á veciñanza, senón que ademais garantimos continuidade e estabilidade, porque estas dúas traballadoras sociais incorpóranse con praza fixa», sinalou.
O alcalde destacou que permitirá reforzar a capacidade de atención do departamento, reducir os tempos de espera e ofrecer un servizo máis eficaz ás persoas usuarias. «Esta decisión reafirma a aposta do Goberno polas persoas e pola mellora do seu benestar e da súa calidade de vida. Queremos unha atención máis próxima, áxil e efectiva. A atención social é un servizo fundamental porque permite apoiar ás persoas e familias que máis o precisan, especialmente aquelas que se atopan en situación de maior vulnerabilidade», engadiu.
As dependencias de Benestar Social de Poio están situadas no Pazo Besada. Ademais da atención prestada polas traballadoras sociais, este espazo acolle o servizo de educación familiar, psicoloxía, animación sociocultural e o Centro de Información á Muller.
Por último, Moldes lembrou que, ademais do reforzo do cadro de persoal, o Concello impulsou en colaboración coa Xunta novos recursos sociais, como a posta en marcha da primeira Unidade de Atención Temperá de Poio, destinada á atención da cativada menor de seis anos.
«O noso compromiso coa asistencia social, coa mellora da calidade de vida e coas persoas é incuestionable. O noso esforzo está en ofrecer a mellor atención e as mellores prestacións á veciñanza”, concluíu.