Ángel Moldes: “a prevención é a mellor ferramenta para protexer o noso monte, ás persoas e ás vivendas. Por iso, desde o Concello de Poio facemos un esforzo importante para dispoñer de medios propios desde o primeiro momento”. Está composta por oito persoas, que complementan os medios e recursos da Xunta de Galicia. Volve ser un dos poucos concellos da comarca que contará con este servizo este ano.
O Concello de Poio dá un paso adiante na prevención e defensa contra os incendios forestais e repite, por segundo ano consecutivo, como primeiro municipio da provincia en ter en funcionamento este verán unha brigada municipal propia. Este servizo, que se desenvolve en colaboración coa Consellería do Medio Rural, ten como obxectivo reforzar e optimizar os recursos dispoñibles para facer fronte aos incendios forestais.
A brigada está composta por oito persoas e permanece operativa desde o pasado 1 de xullo. Durante as dúas primeiras xornadas recibiron formación específica para desenvolver as súas funcións con todas as garantías de seguridade.
A posta en marcha deste dispositivo prodúcese nun momento no que a provincia se atopa nunha situación de risco moi alto de incendios forestais debido á coincidencia de varios factores meteorolóxicos e ambientais especialmente desfavorables. As elevadas temperaturas, xunto coa baixa humidade, a ausencia de precipitacións e a presenza de vento, favorecen o rápido secado da vexetación, aumentando tanto o risco de incendio como de propagación de calquera foco.
Entre as funcións da brigada inclúense labores de vixilancia, intervención directa na extinción de incendios e a realización de tratamentos preventivos, tanto de xeito manual como mecanizado.
Con este dispositivo, Poio convértese non só no primeiro concello da provincia en activar este servizo municipal, senón tamén nun dos poucos da comarca que contará cunha cuadrilla operativa durante todo o verán. Esta brigada complementa os medios autonómicos despregados pola Xunta de Galicia, como o helicóptero, as brigadas forestais e o resto dos recursos previstos para facer fronte ás posibles emerxencias. Dentro deste dispositivo, Poio conta, tamén, coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, unha das máis recoñecidas de toda Galicia pola súa profesionalidade.
O alcalde, Ángel Moldes, que se achegou ata A Seca para manter un encontro coa brigada municipal, destaca que “a prevención é a mellor ferramenta para protexer o noso monte, ás persoas e ás vivendas. Por iso, desde o Concello de Poio facemos un esforzo importante para dispoñer de medios propios desde o primeiro momento e colaborar coa Xunta de Galicia na resposta ante posibles incendios”. Nesta liña, lembra que “a coordinación entre administracións é fundamental para actuar con rapidez e eficacia, pero tamén é imprescindible a colaboración da cidadanía extremando as precaucións nestes días de risco moi alto”.
Xunto coa contratación da brigada municipal, o Concello de Poio levou a cabo actuacións preventivas nas faixas de protección e nas infraestruturas forestais, acondicionando e explanando vías de acceso para facilitar a entrada dos equipos de emerxencia en caso de incendio. Os traballos realizáronse na pista forestal do Xarraipo, na falda do Monte Castrove, e priorizáronse actuacións en montes próximos a núcleos de poboación, como Zapata, Vilariño ou Río Mouro.