Dous Puntos Lila contra as violencias machistas durante o festival Armadiña Rock

01/07/2026

Estrearase tamén o novo aseo portátil para eventos, máis cómodo, integrado coa contorna e que a medio prazo suporá un aforro fronte ao aluguer. Esta mañá celebrouse a reunión de coordinación da seguridade do evento, coa participación da Policía Local, Protección Civil de Poio, da Garda Civil e os organizadores do festival.

O Concello de Poio reforzará as medidas de prevención e sensibilización contra as violencias machistas durante a celebración do festival Armadiña Rock, que terá lugar esta fin de semana en Combarro, coa instalación de dous Puntos Lila este venres, 4 de xullo. O obxectivo é contribuír a que as festas sexan espazos seguros, libres de agresións sexistas, e ofrecer información, apoio e asistencia a quen o precise.

O primeiro dos Puntos Lila situarase na Seca, nas proximidades da zona de acampada, e estará operativo entre as 19.00 e as 22.00 horas. A continuación, o servizo trasladarase á Praza da Chousa, onde permanecerá aberto desde as 22.00 ata as 2.00 horas da madrugada.

Nestes espazos ofrecerase información e asesoramento sobre a prevención das violencias machistas, resolveranse dúbidas e, no caso de que se produza algunha agresión sexual, facilitarase ás vítimas o apoio, a información e a asistencia necesarias de forma coordinada cos servizos de emerxencia e os corpos de seguridade. O Concello anima a todas as persoas asistentes ao Armadiña Rock a achegarse a estes puntos de información para resolver calquera tipo de dúbida, tanto por parte de mulleres como de homes, incidindo na importancia da implicación colectiva para garantir unhas festas seguras e respectuosas.

Ademais, durante esta edición do festival estrearase o novo aseo portátil adquirido polo Concello de Poio para o desenvolvemento de eventos multitudinarios. Trátase dunha infraestrutura máis cómoda para as persoas usuarias, mellor integrada coa contorna e que permitirá reducir os custos municipais ao evitar o aluguer deste tipo de instalacións en futuras actividades.

Co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento do festival, esta mañá celebrouse tamén a reunión de coordinación do dispositivo de seguridade, na que participaron representantes da Policía Local de Poio, Protección Civil de Poio e da Garda Civil e os organizadores do festival. Durante o encontro revisáronse os diferentes operativos previstos para asegurar o bo desenvolvento do evento, así como a coordinación entre todos os efectivos que velarán pola seguridade das persoas asistentes durante toda a fin de semana.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio