Poio fai historia co primeiro izado da Bandeira Azul na praia do Laño

01/07/2026

Ángel Moldes: “É unha garantía para a veciñanza e para as persoas que nos visitan de que atoparán unha praia ben coidada, segura e con instalacións de calidade, ademais dun importante atractivo turístico para o municipio». É tamén a primeira vez que este distintivo de calidade recoñece a calidade de tres areais do municipio, que reforza os servizos para a tempada estival con nove socorristas, novos postos de salvamento, baños adaptados e unha nova bibliopraia.

O Concello de Poio viviu este martes un momento histórico co izado da primeira Bandeira Azul na praia do Laño, un recoñecemento que distingue a calidade ambiental, a seguridade, a accesibilidade e os servizos deste areal.

O alcalde, Ángel Moldes, destacou durante o acto a importancia deste distintivo para o municipio e puxo en valor o traballo realizado para facer posible este recoñecemento. «Estamos moi orgullosos deste izado histórico da Bandeira Azul na praia do Laño. É un distintivo que recoñece a calidade dun areal moi utilizado, non só pola veciñanza de Samieira, senón tamén por persoas de todo o concello e por moitos visitantes. O Laño é unha contorna única que merecía ondear por primeira vez esta bandeira», sinalou. A praia do Laño conta ademais co distintivo de Sendeiro Azul, consolidándose como un dos espazos naturais de referencia do litoral de Poio.

Moldes puxo en valor que a Bandeira Azul «é moito máis que un recoñecemento simbólico, acredita que se cumpren esixentes criterios de calidade das augas, xestión ambiental, seguridade, accesibilidade, limpeza e prestación de servizos. É unha garantía para a veciñanza e para as persoas que nos visitan de que atoparán unha praia ben coidada, segura e con instalacións de calidade, ademais dun importante atractivo turístico para o municipio».

A obtención da Bandeira Azul vai acompañada dunha mellora dos servizos que se prestan aos usuarios da praia do Laño. Nesta tempada o Concello pon en marcha o servizo de socorrismo, incorpora unha bibliopraia, instala novos baños adaptados para persoas con mobilidade reducida e habilita un novo posto de socorrismo.

Este ano, ademais, é especialmente significativo para Poio porque, por primeira vez, tres praias do municipio locen a Bandeira Azul: O Laño, Cabeceira e Siorto, que recuperou este distintivo hai dous anos.

Para garantir a seguridade durante toda a campaña estival, un total de nove socorristas prestarán servizo nas praias do municipio. Ademais, o Concello mantén instaladas durante todo o ano as boias de balizamento para reforzar a protección de bañistas e usuarios.

As actuacións de mellora completáronse tamén noutras praias. En Cabeceira instaláronse a comezos de ano novos baños adaptados e un novo posto de socorrismo, mentres que na praia de Raxó tamén se renovou o posto destinado ao servizo de salvamento.

Con todas estas actuacións, o Concello de Poio afronta a tempada estival con máis calidade, máis servizos e máis seguridade nas súas praias, reforzando o seu compromiso coa conservación do litoral e coa mellora continua dos espazos públicos costeiros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio