Poio reforza o seu compromiso co envellecemento activo a través de Saudemente

17/06/2026

O Pazo Besada acolleu a clausura do programa, que este curso contou coa participación de 150 maiores de todas as parroquias. Ángel Moldes: “Temos a sorte de contar con persoas maiores moi activas e con moitas ganas de participar. Son un exemplo para todos e unha parte fundamental da vida social de Poio, ademais dun orgullo para todo o municipio”.

O Pazo de Besada acolleu onte pola tarde o acto de clausura do programa Saudemente, no que participan arredor de 150 persoas maiores procedentes de todas as parroquias do municipio. Esta iniciativa, que se desenvolve ao longo de todo o curso escolar, lévase a cabo de forma itinerante na Casa Rosada e nos espazos municipais da Seca, Campelo, Combarro, Raxó, Samieira, Vilariño e, como novidade este curso, tamén na Ucha.

O acto contou coa presenza do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e da concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, que destacaron a importancia deste tipo de programas para fomentar a socialización, o benestar emocional e o envellecemento activo a través de actividades como o exercicio físico e os talleres de memoria.

Durante a súa intervención, Moldes puxo en valor o papel fundamental das persoas maiores na vida social do municipio e destacou a boa acollida que ten cada ano este programa. “Temos a sorte de contar con persoas maiores moi activas e con moitas ganas de participar. Son un exemplo para todos e unha parte fundamental da vida social de Poio, ademais dun orgullo para todo o municipio”, asegurou.

O alcalde subliñou tamén a importancia de crear espazos de encontro e convivencia para esta etapa da vida. “Sabemos que, cando remata a etapa laboral, é importante seguir tendo motivos para saír da casa, compartir tempo con outras persoas e manterse activo. Por iso programas como Saudemente son tan valiosos, porque crean espazos de encontro, amizade e benestar para os nosos maiores”.

Así mesmo, incidiu nos beneficios que achegan este tipo de iniciativas. “Manterse activo, facer exercicio, traballar a memoria e compartir momentos cos demais axúdanos a sentirnos mellor e a vivir con máis calidade de vida”. Neste sentido, recordou que o obxectivo deste programa e das diferentes actividades que impulsa o Goberno local é promover hábitos saudables, favorecer o coidado emocional e físico das persoas participantes e fortalecer as relacións sociais.

Durante a xornada entregáronse diplomas a todas as persoas participantes como recoñecemento polo seu compromiso e implicación ao longo do curso. Ademais, realizouse unha mención especial a aquelas que superan os 90 anos, distinguíndoas co galardón Orgullo de Vida.

Para rematar, Moldes agradeceu a implicación de todas as persoas participantes: “O mellor premio deste programa é ver a ilusión coa que participades cada semana. Grazas polo voso compromiso e por seguir enchendo de vida, actividade e alegría as nosas parroquias”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio