Ángel Moldes participou na última sesión, na que destacou a importancia de aproveitar todas as oportunidades que ofrece a intelixencia artificial.
O Concello de Poio clausurou esta semana o curso de formación en intelixencia artificial, que durante un mes e medio permitiu ao alumnado achegarse a esta tecnoloxía para aprender a aplicala no día a día, tanto a nivel persoal como profesional.
Na última sesión, na que participaron o alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Novas Tecnoloxías, Tamara González, destacaron a importancia de aproveitar todas as oportunidades que ofrece a IA. Concretamente, no curso aprenderon a xerar ideas orixinais, redactar textos, deseñar imaxes e crear vídeos de calidade en cuestión de minutos a través desta tecnoloxía. Durante as sesións tamén se traballaron a mellora da marca persoal e a identificación de novas oportunidades laborais a través do uso destas aplicacións no día a día.
Esta iniciativa, que se desenvolveu na Aula Cemit situada en Combarro, forma parte da aposta do Concello de Poio por ofrecer formación presencial gratuíta, adaptada a todos os niveis, co fin de descubrir como a tecnoloxía pode transformar a vida da cidadanía.