Poio dá a benvida á segunda promoción de “Pequeguías”, formada nas aulas do CEIP Viñas e no Museo e Parque de Colón

21/05/2026

33 alumnos e alumnas de Primaria do CEIP Viñas recibiron a súa credencial de Guías Honoríficos de Turismo de Poio despois de aprender a “coñecer, coidar e contar” o patrimonio do municipio e descubrir o Museo e o Parque de Colón, en Portosanto

Poio deu a benvida esta semana a unha nova promoción de “Pequeguías”, coa formación de 33 nenos e nenas de 3º a 6º de primaria do CEIP Viñas. É a segunda edición deste programa pioneiro, impulsado polo Concello de Poio, que busca concienciar aos máis pequenos sobre a importancia do turismo sustentable e responsable, ademais de axudarlles a descubrir o inmenso patrimonio do municipio.

A actividade desenvolveuse ao longo de dúas xornadas formativas. Na primeira delas, celebrada o mércores na biblioteca do centro, o alumnado participou nunha sesión teórica impartida pola técnico de Turismo do Concello, Mónica Neira, que lles trasladou conceptos básicos relacionados co turismo, a importancia da hospitalidade e o valor dos recursos patrimoniais de Poio. Durante esta sesión, os rapaces e rapazas coñeceron os principais atractivos do municipio, como o Mosteiro, o conxunto histórico de Combarro, as praias, os roteiros, a illa de Tambo, as variantes Xacobeas ou a riqueza cultural e patrimonial, adaptados á súa idade e cun enfoque participativo.

Ademais, este ano novamente se fixo fincapé nun recurso turístico próximo ao Centro Educativo, neste caso o relacionado con Cristovo Colón, ao estar situada a casa natal do navegante en Portosanto, na parroquia de San Salvador.

Ao remate, e despois de comprobar os coñecementos adquiridos, as concelleiras de Turismo, Rocío Cochón, e de Educación, Natalia Sabarís, acompañadas do persoal docente, entregáronlles a credencial e unha chapa que os identifica como “Pequeguías” turísticos.

A segunda xornada, de carácter práctico e lúdico, centrouse no patrimonio coloniano situado en San Salvador. O alumnado desprazouse camiñando ata a Casa-Museo de Colón, en Portosanto, onde puideron demostrar os coñecementos adquiridos e coñecer de primeira man a casa natal do navegante e a teoría do Colón de Poio explicada polo persoal do Museo.

Posteriormente, a xornada continuou no recentemente inaugurado Parque de Colón, en Ánkar, onde os pequenos desfrutaron de xogos didácticos e unha merenda cunha visita moi especial: a do pregoeiro do Día de Colón 2026, Mundo Nores, caracterizado como un axudante do descubridor.

Nores subiu coa rapazada á réplica da nao Santa María situada no parque, faloulles da historia e as tradicións de Poio e convidounos á conmemoración do Día de Colón, que terá lugar durante esta fin de semana nas rúas de Combarro.

Ao remate das xornadas, a responsable de Turismo, Rocío Cochón, agradeceu a colaboración do persoal do centro e en particular da directora, Arelis Moreira, para levar a cabo esta actividade. Ademais, felicitou aos nenos e nenas e dixo estar “moi feliz por poder incorporar 33 novos pequeguías con coñecementos para recomendar e explicar ás súas familias, amizades ou a calquera visitante todos eses tesouros que tedes moi preto e que fan de Poio un lugar único”.

Recordoulles a importancia de fomentar un turismo sostible e responsable, respectando os lugares que visiten pero tamén axudando a preservar o patrimonio poiense.

“Tedes unha gran responsabilidade: coñecer o noso, valoralo, contalo con orgullo e, sobre todo, coidalo para que dure moito moito tempo”, concluiu.

O PROXECTO “PEQUEGUÍAS”

O proxecto “PequeGuías de Poio” nace como unha iniciativa educativa e turística promovida polo Concello de Poio co obxectivo de implicar á infancia na promoción do municipio, fomentando o coñecemento do patrimonio local, a hospitalidade e a participación activa das novas xeracións no desenvolvemento turístico do territorio.

Desenvólvese de xeito itinerante, involucrando á comunidade educativa dun dos centros de ensino de Poio cada ano, e incidindo nos recursos máis próximos a cada centro. En 2025 levouse a cabo no CEIP Isidora Riestra, con especial énfase na Variante Espiritual, e en 2026, co CEIP Viñas, céntrase no patrimonio coloniano.

A iniciativa converte aos nenos e nenas en pequenos embaixadores do destino, capaces de descubrir, contar e transmitir os valores culturais, naturais e patrimoniais de Poio ás persoas visitantes.

Este proxecto representa unha fórmula de sensibilización turística, xa que integra educación, identidade local e experiencia turística real nunha actividade participativa e vivencial adaptada ao alumnado de Primaria.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio