Este obradoiro estrutúrase en dúas fases: sesións centradas en coñecementos iniciais e, tras o verán, afondará en contidos máis avanzados e situacións prácticas da vida cotiá. O programa será impartido por Lucía Terzi, nutricionista especializada en diabetes, e terá un enfoque práctico e participativo.
ANEDIA Galicia pon en marcha un programa de educación nutricional en diabetes tipo 1, orientado a mellorar o manexo diario da enfermidade a través da alimentación, coa colaboración do Concello de Poio. Esta iniciativa busca dotar ás persoas participantes e ás súas familias de ferramentas prácticas para integrar hábitos saudables, comprender o impacto dos alimentos na glicemia e tomar decisións informadas no seu día a día.
O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Sanidade, Tamara González, reuníronse esta semana con responsables da entidade para coñecer de primeira man o contido dun programa que se estruturará en dúas fases. Moldes destaca a importancia deste tipo de iniciativas, sinalando que o Goberno municipal aposta pola educación en saúde como ferramenta fundamental para mellorar a calidade de vida da veciñanza e apoiar ás familias que conviven con enfermidades crónicas como a diabetes tipo 1. Como exemplo desta liña de traballo, lembra que hai apenas unhas semanas organizouse un faladoiro para abordar a menopausa con naturalidade, que contou cunha participación moi importante. Ademais, neste momento tamén se están desenvolvendo accións dirixidas ás persoas maiores en colaboración coas Regaps da Consellería de Sanidade, centradas no exercicio físico, na hixiene do sono e nos almorzos saudables.
O programa estrutúrase nunha primeira fase centrada en coñecementos iniciais, e desenvolverase en tres sesións os sábados 23 e 30 de maio e 6 de xuño, en horario de 10:30 a 12:30 horas, no Casal de Ferreirós.
A segunda fase organizarase tras o verán, e afondará en contidos máis avanzados e situacións prácticas da vida cotiá.
O programa será impartido por Lucía Terzi, nutricionista especializada en diabetes, e terá un enfoque práctico e participativo, abordando aspectos clave como o reconto de hidratos de carbono, a planificación de comidas ou a resolución de situacións cotiás.
A actividade está dirixida a persoas con diabetes tipo 1 e ás súas familias. As inscricións pódense realizar a través do enderezo electrónico info@anedia.gal ou nos teléfonos 644 052 928 e 644 971 454.
Esta acción enmárcase dentro do Proxecto BETA, financiado polo Plan Social de ENCE Pontevedra, a través do cal ANEDIA desenvolve diferentes iniciativas de acompañamento, formación e apoio a persoas con diabetes na provincia.