Apoio a oito asociacións locais con axudas para impulsar a igualdade e previr a violencia machista

04/05/2026

Destina 8.000 euros ao financiamento de proxectos promovidos polas asociacións Mulleres Rurais Santa Trahamunda, Arela, Mulleres do Mar de Poio, AVCD Lourido, AAVV de Campelo, AAVV A Laxe de Raxó, Mulleres Progresistas de Poio e Airiños do Mar.

O Concello de Poio destina 8.000 euros ao financiamento de proxectos promovidos por oito asociacións do municipio co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades e previr a violencia machista.

A Xunta de Goberno vén de aprobar estas axudas, que ascenden a 1.000 euros por entidade, e que permitirán desenvolver ao longo do ano iniciativas centradas no empoderamento de mulleres e nenas, a participación social e a mellora da calidade de vida.

“Para nós é un obxectivo prioritario contribuír a dinamizar, axudar e dar visibilidade á labor que realizan as asociacións de mulleres do noso municipio”, destaca a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres.

Deste xeito, as axudas concédense ás asociacións Mulleres Rurais Santa Trahamunda, Arela, Mulleres do Mar de Poio, AVCD Lourido, AAVV de Campelo, AAVV A Laxe de Raxó, Mulleres Progresistas de Poio e Airiños do Mar.

Entre os proxectos subvencionados inclúense visitas, encontros, saídas e iniciativas para promover a igualdade de oportunidades e o empoderamento de mulleres e nenas; actividades para facilitar a integración da muller así como cursos e actividades lúdicas e culturais ao longo do ano.

APOIO Á INCLUSIÓN SOCIAL E LABORAL

Na mesma sesión da Xunta de Goberno Local, o Concello de Poio aprobou tamén a xustificación da subvención nominativa que anualmente concede á entidade Down Xuntos-Pontevedra, por importe de 500 euros, para colaborar co seu proxecto de formación social e laboral. Esta colaboración permite desenvolver un programa de formación social e laboral que beneficiará en 2026 a 24 persoas, incluíndo veciñanza empadroada en Poio. O proxecto céntrase en itinerarios individualizados que reforzan a autonomía persoal, a inclusión e a participación activa, ofrecendo apoios adaptados ás necesidades de cada persoa usuaria.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio