Poio restaurará e porá en valor os xardíns do Pazo Besada grazas ao obradoiro de emprego no que participarán 20 persoas

03/05/2026

O proxecto inclúe a protección da vexetación, melloras na accesibilidade, drenaxe e iluminación, así como a creación dun efecto túnel no bosque de bambú e a recuperación do estanque como elemento central dos xardíns baixos. Ángel Moldes: “apostamos por solucións respectuosas coa contorna, potenciando as especies autóctonas e garantindo a conservación do arborado existente. Queremos que estes xardíns sexan un exemplo de equilibrio entre conservación, uso público e sustentabilidade”.

O Concello de Poio restaurará integralmente os xardíns do Pazo Besada grazas ao obradoiro de emprego “Poio verde e sostible”, que se desenvolverá no municipio entre os meses de xuño e marzo e no que participarán 20 alumnos-traballadores.

A intervención, que xa conta con todas autorizacións sectoriais requiridas por Patrimonio, permitirá recuperar e poñer en valor unha parcela de máis de 9.000 metros cadrados, adaptándoa para o uso público e respectando o nivel de protección integral establecido polo PXOM do Concello de Poio.

Entre as actuacións previstas está a recuperación da traza orixinal dos camiños mediante xabre granítico estabilizado, corrixindo pendentes e incorporando bordos invisibles para evitar a invasión do céspede, mantendo así a estética histórica do recinto. Para mellorar os accesos aos edificios, instalaranse zonas de adoquín granítico.

No ámbito vexetal, crearanse aneis de respecto arredor das árbores, especialmente do Metrosideros robusta. Debido á elevada densidade arbórea, proxectarase a plantación de especies cobertoras autóctonas adaptadas á sombra, como vinca minor, fentos ou acantos. Ademais, realizaranse podas de formación e sanitarias, especialmente nas camelias, co obxectivo de favorecer o seu desenvolvemento e floración.

O proxecto inclúe tamén a creación dun bosque de bambú xigante, aproveitando exemplares existentes, cun efecto túnel que permitirá o paso peonil e a recuperación do sendeiro interior e das escaleiras. Neste espazo instalarase iluminación rasante para resaltar a verticalidade das canas e crear unha atmosfera singular.

En canto ao mobiliario, colocaranse bancos con pés de fundición e listóns de madeira, e renovarase a iluminación para garantir a seguridade sen perder o encanto do xardín. Nos camiños instalaranse balizas baixas de luz cálida, así como focos de acento dirixidos ás copas das árbores e a elementos singulares.

Tamén se executarán obras hidráulicas para mellorar a contorna da fonte, incluíndo a limpeza da pedra e o adoquinado da zona. Ampliarase a rede de sumidoiros e drenaxes para evitar acumulacións de auga e recuperarase o estanque como elemento central dos xardíns baixos, acondicionando a súa contorna e incorporando zonas de descanso.

O alcalde, Ángel Moldes, destaca que “este proxecto supón un paso moi importante na recuperación do patrimonio verde de Poio e na posta en valor dun espazo emblemático como é o Pazo Besada”. Ademais, subliña que “non só actuamos sobre un xardín histórico, senón que o estamos adaptando para que as veciñas e veciños disfruten del con todas as garantías de accesibilidade e seguridade”.

Moldes incide tamén no valor ambiental da intervención, sinalando que “apostamos por solucións respectuosas coa contorna, potenciando as especies autóctonas e garantindo a conservación do arborado existente”. Neste sentido, engade que “queremos que estes xardíns sexan un exemplo de equilibrio entre conservación, uso público e sustentabilidade”.

Ademais, pon en valor “a oportunidade real que supón este obradoiro para que 20 persoas se formen, adquiran experiencia e melloren as súas opcións de inserción laboral”.

FORMACIÓN E EMPREGO DURANTE 9 MESES EN ACTIVIDADES AUXILIARES DE CONSERVACIÓN E MELLORA DE MONTES

O obradoiro de emprego “Poio verde e sostible” é unha iniciativa que permitirá formar a 20 alumnos-traballadores durante un período de nove meses en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.

Este programa dual de emprego e formación está dirixido a persoas desempregadas e combina aprendizaxe teórica e práctica en actuacións de utilidade pública. O obxectivo é mellorar a cualificación profesional das persoas participantes e facilitar a súa inserción no mercado laboral.

Ao longo do obradoiro, o alumnado adquirirá experiencia en tarefas vinculadas á conservación ambiental, a prevención de incendios e a recuperación de infraestruturas verdes.

As bases reguladoras do proceso de selección serán publicadas nos vindeiros días. Ao longo do mes de maio levarase a cabo o proceso selectivo do alumnado-traballador, así como do persoal directivo, docente e de apoio. 

Para participar como alumnado-traballador, as persoas interesadas deben cumprir os seguintes requisitos:ter 18 ou máis anos de idade e estar en situación de desemprego inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes nos códigos de ocupación 3040 obradoiros, AGAR0309 Actividades auxiliares en conservación de montes ou 9531028 peón forestal.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio