O programa combinará formación e traballo durante 9 meses en conservación e mellora de montes. Está dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos. Ángel Moldes destaca a importancia deste tipo de programas para mellorar as oportunidades laborais no municipio.
O Concello de Poio impulsa o obradoiro de emprego “Poio verde e sostible”, unha iniciativa que permitirá formar a 20 alumnos-traballadores durante un período de nove meses en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.
Este programa dual de emprego e formación está dirixido a persoas desempregadas e combina aprendizaxe teórica e práctica en actuacións de utilidade pública. O obxectivo é mellorar a cualificación profesional das persoas participantes e facilitar a súa inserción no mercado laboral.
Ao longo do obradoiro, o alumnado adquirirá experiencia en tarefas vinculadas á conservación ambiental, a prevención de incendios e a recuperación de infraestruturas verdes. Ademais, levaranse a cabo actuacións de restauración nos xardíns do Pazo Besada.
A iniciativa conta cun financiamento de 501.552 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, destinados a sufragar os custos de formación profesional para o emprego.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destaca a importancia deste tipo de programas para mellorar as oportunidades laborais no municipio. “Trátase dunha oportunidade para que as persoas desempregadas adquiran coñecementos e experiencia profesional real, melloren o seu perfil e aumenten as súas opcións de inserción laboral nun sector con demanda crecente”, sinala.
PROCESO SELECTIVO DO ALUMNADO-TRABALLADOR E O PERSOAL DIRECTIVO, DOCENTE E DE APOIO
As bases reguladoras do proceso de selección serán publicadas nos vindeiros días. Ao longo do mes de maio levarase a cabo o proceso selectivo do alumnado-traballador, así como do persoal directivo, docente e de apoio.
Para participar como alumnado-traballador, as persoas interesadas deben cumprir os seguintes requisitos:ter 18 ou máis anos de idade e estar en situación de desemprego inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia.
As persoas interesadas poden obter máis información no Servizo de Orientación Laboral do Concello de Poio ou chamando ao teléfono 986 770 001 (extensión 1502).