As inscricións poderanse realizar a partir do mércores 6 de maio, tanto a través do rexistro xeral do Concello de Poio ou no habilitado no Pazo Besada para este fin, así como na sede electrónica.
O Concello de Poio volve apostar por facilitar a conciliación das familias durante os meses de verán a través dos Espazos Concilia, un programa municipal que se vai organizar nos colexios de Isidora Riestra (San Xoán), Viñas (San Salvador) e Espedregada (Raxó) entre xullo e setembro. Unha aposta que inclúe 240 prazas cada quincena durante os meses de xullo e de agosto, e 50 na semana previa ao inicio do curso escolar. En total, máis de 1.000 prazas en todo o verán para ofrecer aos máis pequenos horas de diversión, disfrute e lecer durante as súas vacacións escolares, ao mesmo tempo que se asegura que as familias poidan compatibilizar a súa vida laboral, familiar e persoal.
As inscricións pódense facer entre o 6 e o 19 de maio, tanto a través do rexistro xeral do Concello de Poio ou no habilitado no Pazo Besada para este fin, así como a través da sede electrónica do Concello de Poio. En caso de haber máis solicitudes que prazas, adxudicaranse segundo baremo, no que se terá en conta a situación laboral e sociofamiliar: renda per cápita, familia monoparental, mulleres vítimas de violencia, discapacidade, risco de exclusión ou coidadores de persoas dependentes. En caso de empate na puntuación, terase en conta a orde de inscrición, que será a data última na que se presente toda a documentación solicitada no rexistro.
Entre a documentación obrigatoria que deben aportar coa folla de inscrición, inclúese fotocopia do DNI dos pais e do menor, da tarxeta sanitaria do neno ou nena, fotografía tamaño carné, certificado ou documento acreditativo de estar escolarizado nun centro educativo de Poio (só para os nenos que non estean empadroados) ou acreditación do posto de traballo en Poio (familias de fóra do municipio), declaración da renda do ano 2024 de ámbolos dous proxenitores. A maiores, deberán incluír toda a documentación necesaria a efectos de baremación. As bases completas do Espazo Concilia pódense consultar no taboleiro de anuncios da web concellopoio.gal.
Poden participar nos Espazos Concilia do Concello de Poio nenas e nenos nados entre os anos 2014 e 2022, ambos inclusive. Cada participante poderá inscribirse en tantas quendas como desexe e, como mínimo, poderá anotarse quince días nos meses de xullo e agosto ou a semana de setembro completa.
No colexio de Viñas ofreceranse 45 prazas por quincenas nos meses de xullo e de agosto, e 50 en setembro, mentres que en Espedregada serán 45 por quincena en xullo e agosto e, por último, en Isidora Riestra serán 150 prazas por quincena nos dous meses. As ludotecas desenvolveranse de luns a venres, entre as 7.30 e as 15.00 horas. Con respecto ás tarifas do Espazo Concilia, cada quincena terá un custe de 20 euros por usuario, que deberá abonar 12 euros pola semana de setembro.
A publicación das listas provisionais será o 27 de maio, as definitivas o 8 de xuño. Os días 15 e 16 de xuño convocaranse as reunións informativas coas familias.