Comeza a expropiación das parcelas para mellorar a seguridade viaria na estrada de Campelo

21/04/2026

Ao longo de toda a semana estase realizando no Concello de Poio o levantamento das actas de ocupación definitivas dos bens e dereitos afectados polo proxecto.

Xa está en marcha o proceso de expropiación das parcelas necesarias para executar as obras de mellora da seguridade viaria e a creación dunha senda peonil na estrada provincial EP-0601, entre A Seara e Campelo. Durante esta semana, os propietarios das 52 parcelas afectadas están a reunirse no Concello de Poio co equipo técnico para formalizar as actas de ocupación dos bens.

O levantamento das actas de ocupación definitivas constitúe un dos últimos pasos administrativos previos ao inicio do expediente de contratación das obras, cuxa execución está prevista para o segundo semestre do ano. Unha vez completado este trámite, procederase ao pagamento, mediante transferencia bancaria, dos depósitos previos e das indemnizacións por rápida ocupación.

A actuación conta cun investimento superior aos 1,8 millóns de euros e permitirá a construción dunha senda peonil e a implantación de novas medidas de seguridade viaria ao longo dun treito de 1,1 quilómetros nesta estrada de titularidade provincial.

A primeira fase do proxecto abrangue unha intervención integral entre os puntos quilométricos 2+240 e 3+510 da EP-0601, entre o cruce da Seara e a contorna da escola de música de Campelo. As obras contemplan a construción dunha senda peonil cun ancho mínimo de 2,50 metros na marxe dereita da vía. No punto quilométrico 3+350, onde as condicións do viario non permiten acadar esta anchura, habilitarase unha zona de convivencia entre vehículos e peóns con prioridade para estes últimos.

Ademais, o proxecto inclúe actuacións complementarias como a creación de novas prazas de aparcamento, a renovación da iluminación pública, a execución de muros de sostemento da estrada, a mellora dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e a reposición dos servizos afectados.

O financiamento da obra será asumido nun 80% pola Deputación, mentres que o Concello de Poio achegará o 20% restante, así como o custo das expropiacións necesarias.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio