O obxectivo é que compartan tempo de lecer para coñecerse antes de coincidir no instituto o próximo curso. A actividade, unha megaxincana gratuíta para a rapazada, desenvolverase na Seca con xogos e actividades grupais.
As III Xornadas de Convivencia organizadas polo Concello de Poio para o alumnado de 6º de primaria do municipio celebraranse este venres, 24 de abril, na Seca. Trátase dunha iniciativa que busca integrar á rapazada dos cinco colexios antes da súa chegada ao instituto o próximo curso, creando un ambiente de convivencia e cooperación nun momento clave para o seu desenvolvemento social e emocional.
Preto de cen alumnos e alumnas participarán na actividade, que é gratuíta e que arrancará ás 10.00 horas. Durante tres horas tomarán parte nunha megaxincana que inclúe retos, xogos e actividades grupais e cooperativas. Comezarán coa Illa Perdida e continuarán coa Máquina Humana, O arquivo do futuro, Cegos e guías, A Caixa Negra e A rede, para concluír coa Última ponte.
Segundo explica a concelleira de Mocidade, Tamara González, “é unha oportunidade para coñecerse, para poñerse cara e para gozar todos xuntos antes de coincidir no instituto o próximo curso”. Asemade pon en valor o éxito que esta iniciativa tivo nas dúas edicións anteriores, converténdose xa nunha das actividades máis esperadas polo alumnado do último curso de primaria e nunha verdadeira oportunidade para interactuar e coñecerse antes de dar o paso á secundaria. Por iso, agradece a colaboración de todos os colexios de Poio.
“É unha actividade lúdica totalmente diferente, que permite fomentar a participación, a integración, o desenvolvemento de habilidades sociais e o establecemento de novas amizades entre o alumnado”.
A actividade é gratuíta tanto para os colexios como para a rapazada, xa que está financiada na súa totalidade polo Concello de Poio, que asume o custo de todas as propostas e do transporte desde cada centro escolar.