Poio colga o cartel de completo para a III Xuntanza de Maiores que se celebra este domingo na Seca

16/04/2026

“Esta xuntanza é unha pequena homenaxe a todo o que teñen aportado ao longo da súa vida e unha oportunidade para compartir momentos de alegría, compañía e cariño, que é o que realmente importa”, sinala Ángel Moldes. Inclúe xantar, baile con música en directo e sorteo de agasallos.

A Seca converterase este domingo no punto de encontro de 500 persoas que participarán na III Xuntanza de Maiores de Poio, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Poio que só en tres edicións conseguiu consolidarse completamente colgando o cartel de completo.

A carpa instalada na Reiboa, A Seca, recibirá aos asistentes, na súa maioría de Poio aínda que tamén participarán persoas achegadas de concellos limítrofes. O xantar, que ten un prezo de 25 euros por comensal, inclúe callos, carne ao caldeiro, bebidas e sobremesa. Ao final, gozarán dun baile coa música en directo do Dúo Prisma, para rematar con sorteo de agasallos cedidos por comercios locais entre os participantes.

O alcalde Ángel Moldes sinala que “esta xuntanza é unha pequena homenaxe a todo o que teñen aportado ao longo da súa vida e unha oportunidade para compartir momentos de alegría, compañía e cariño, que é o que realmente importa”. Ademais, recorda que esta iniciativa naceu hai tres anos da propia vontade dos maiores: “eles querían xuntarse no seu concello, sen ter que desprazarse a outros municipios da comarca para vivir esta experiencia. Hoxe son eles os anfitrións”.

Neste senso, apunta que as persoas maiores son unha prioridade para o Goberno local: “durante todo o ano apostamos por organizar actividades e propostas que contribúan a promover un envellecemento activo, aumentando tamén as ofertas de ocio e de lecer para as persoas de máis idade”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio