Ángel Moldes: «apostar polo comercio local é apostar polo futuro de Poio, fortalecendo a economía e xerando emprego”

12/04/2026

Na inauguración de Poio Mostra, na que participou o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

A terceira edición da feira multisectorial e de vehículos de ocasión PoioMostra comezou esta tarde na Reiboa (A Seca), coa participación de preto de corenta comercios da comarca. Organizada polo Concello de Poio coa colaboración da asociación empresarial EnPoio, os visitantes poderán atopar ata o domingo, día 12 de abril, unha ampla oferta de produtos de moda, alimentación, decoración, complementos, xardinería, vehículos…

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, que asistiu á inauguración da carpa xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, a presidenta de EnPoio, Loli Otero, e outros membros da directiva e da corporación, asegurou que “PoioMostra é un exemplo da colaboración entre comercio e cidadanía, un escaparate onde os nosos negocios poden dar a coñecer produtos e servizos tanto á veciñanza como a visitantes doutros municipios”.

Tras facer un percorrido por cada un dos stands que expoñen na feira, o alcalde agradeceu “a todo o tecido comercial, aos autónomos, emprendedores e ás empresas que apostan cada día por Poio”, así como á Xunta de Galicia “polo seu apoio e colaboración, sen o cal eventos como este non serían posibles”.

Moldes destacou ademais que “Poio está a vivir un proceso de transformación e crecemento que se nota nas súas rúas e nos seus comercios”, subliñando que apostar polo comercio local “é apostar polo futuro de Poio, fortalecendo a economía e xerando emprego”.

Durante os tres días, o cliente atopará unha ampla oferta de produtos, en espazos cómodos e amplos, e incluso disporá de probadores. A exposición de vehículos estará no exterior da carpa. O obxectivo, engaden, é contribuír á liquidación de restos de tempada, facilitar a captación de novos clientes e aumentar a calidade do comercio local.

A entrada a Poio Mostra é gratuíta. O sábado o horario será de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas, e o domingo, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio