Aproban a creación dun posto de policía local en segunda actividade e novo posto de axente.
O pleno do Concello de Poio aprobou a pasada noite a modificación da finalidade de distintos créditos sobrantes para garantir a achega municipal ao convenio que vai asinar coa Xunta de Galicia para pavimentar a contorna do Centro Comercial A Barca, na parroquia de San Salvador.
Este acordo permitirá dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza, mellorando de forma significativa a accesibilidade, a seguridade viaria e a imaxe dun espazo cunha elevada actividade comercial e de servizos, con presencia de tráfico rodado e peonil continuado. Así, permitirá acondicionar os accesos e o aparcamento exterior, que terá unha limitación de tres horas máximas para ofrecer así un mellor servizo á veciñanza de Poio. Con esta medida, que non aplicará ningún sistema de pago senón que unicamente controlará o tempo de estacionamento, búscase mellorar a fluidez e o movemento de vehículos.
O proxecto será licitado e executado pola Xunta de Galicia, mentres que o Concello de Poio asumirá o 30% do custo total, é dicir 68.512,64 euros.
Para facer fronte a esta achega sen comprometer novas partidas orzamentarias, o Goberno local impulsou o aproveitamento duns remanentes de actuacións que xa están en execución. En concreto, destinaranse os fondos sobrantes derivados da baixa na adxudicación do contrato de renovación do parque infantil de Lourido, así como o crédito sobrante correspondente ao contrato de subministración de composteiros individuais.
Unha vez aprobada a aportación municipal a este proxecto, nas próximas semanas asinarase o convenio con Xunta de Galicia.
Tamén no pleno aprobaron, cos votos a favor do Goberno, a modificación da relación de postos de traballo para crear un posto de policía en segunda actividade, destinada a desenvolver labores administrativas, e a creación dunha nova praza. O alcalde Ángel Moldes destacou que, ademais, hoxe mesmo se incorporan dous auxiliares e outro axente ao corpo. “Seguimos traballando para dar un mellor servizo á cidadanía”, destacou durante a súa intervención, e lamentou a abstención da oposición, “porque é difícil de entender que non se apoie a creación de novas prazas de policía local”, e o voto en contra do CSIF “que demostra que o problema non radica na creación de novas prazas, senón en que dous axentes queren ter o control sobre os demais”.
Durante a sesión plenaria tamén se debateron varias mocións presentadas polos grupos da oposición. Sobre estas iniciativas, a concelleira Rocío Cochón subliñou que “o deterioro tan grave que hoxe teñen as estradas non é froito de dous anos, é culpa dunha nefasta xestión durante décadas”. E contrapuxo a labor que está desenvolvendo o Goberno local “ao longo de quilómetros de vías e camiños en todas as parroquias”. Como exemplos, sinalou algunhas das actuacións que se fixeron neste mandato no camiño de Esperón, en Costa de Arriba, Liñares, Ucha de Arriba, Poio de Arriba, Chancelas, Fonteiriñas, Travesía da Seara, Castaño, Outeiro de Fontenla, os ramais da rúa Sartal, Souto, Coita, Paradela, Banda do Río, Retea, San Martiño… Tamén o alcalde, Ángel Moldes, tomou a palabra para lamentar “que desprecen investimentos en camiños secundarios que dan servizo a poucas casas. Non porque sexan viais pequenos e vivan poucos veciños teñen menos dereitos e son menos importantes que o resto”. Por último, recordou que “estando na oposición percorremos todos os camiños escoitando aos veciños, e agora no Goberno seguimos facendo o mesmo para ofrecerlles solucións”.