Poio acolle a representación teatral “Brokeback Sabucedo” dentro da súa programación cultural

20/03/2026

No Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, o sábado 28. Carmen Ogando Soto presenta o venres o seu segundo libro, Alas Rotas, no Casal de Ferreirós.

O Concello de Poio aposta por unha programación cultural diversa e de calidade coa organización de dúas citas destacadas para a vindeira semana, que abranguen tanto as artes escénicas como a literatura.

Por unha banda, o sábado 28 terá lugar a representación da obra “Brokeback Sabucedo, paixón entre bestas”, unha produción de Sal de Teatro interpretada por Santiago Telmo e Borja Salgado. A función desenvolverase ás 21.00 horas no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, con entrada de balde.

A peza conta a historia de Roi e Rafa, dous antigos amigos da infancia que se reencontran na Rapa das Bestas en Sabucedo tras moitos anos sen verse. Mentres Roi marchou vivir a Madrid, Rafa permaneceu na súa vila natal. Aquel reencontro fai aflorar sentimentos agochados durante anos, dando paso a unha historia na que a amizade evoluciona cara unha intensa paixón.

Por outra banda, o venres 27, ás 20.00 horas, o Casal de Ferreirós acollerá a presentación do libro “Alas Rotas”, segunda obra da autora Carmen Ogando Soto.

Dende o Concello de Poio anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nestas actividades, que contribúen a dinamizar a vida cultural do municipio e a promover o acceso á cultura para todos os públicos.

PROGRAMACIÓN DA BIBLIOTECA MUNICIPAL PARA O MES DE ABRIL

Pola súa banda, a Biblioteca Municipal de Poio ofrece no mes de abril unha programación especial para promover a lectura entre a rapazada e celebrar datas internacionais do libro. O xoves 2, con motivo do Día Internacional do Libro Infantil conmemórase o nacemento de Hans Christian Andersen e a biblioteca colabora con Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, coa difusión do cartaz conmemorativo e coa lectura do manifesto, achegando á rapazada á literatura e á súa riqueza creativa.

Xa no Día Internacional do Libro, o xoves 23 de abril, ás 17:30 horas, celebrarase un “Breakout: A historia interminable”, un xogo educativo no que as crianzas a partir de 6 anos deberán resolver unha serie de pistas para abrir unha caixa. A actividade será a cargo da bibliotecaria municipal, non require inscrición previa e é totalmente gratuíta, ofrecendo unha forma divertida e interactiva de descubrir o pracer da lectura.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio