Máis de 300 veciños expediron o seu DNI e pasaporte no último ano sen saír de Poio

11/03/2026

O VIDOC da Policía Nacional visita o municipio unha vez ao mes, nun convenio de colaboración co Concello de Poio para achegar a administración á cidadanía. A próxima visita é este venres, día 13, á Praza do Mosteiro en horario de mañá.

Máis de 300 veciños e veciñas de Poio puideron expedir ou renovar o seu DNI e pasaporte durante o último ano sen necesidade de desprazarse fóra do municipio. Este mes cúmprese un ano da posta en marcha deste servizo no municipio, cunha valoración moi positiva, xa que permite evitar desprazamentos a outras localidades e supón un importante aforro de tempo e custos para a veciñanza.

Este servizo préstase a través do Vehículo Integral de Documentación da Policía Nacional (VIDOC), que se despraza a Poio unha vez ao mes no marco dun convenio de colaboración co Concello co obxectivo de achegar a administración á cidadanía e facilitar este tipo de trámites.

A maior parte das persoas usuarias empregaron este servizo para a expedición ou renovación do DNI, aínda que tamén se realizaron outros trámites como a solicitude ou renovación do pasaporte, a activación do DNI no móbil ou a actualización das claves do DNI electrónico.

A unidade permite realizar nun único trámite e en poucos minutos a expedición ou renovación tanto do DNI como do pasaporte, evitando desprazamentos a oficinas doutros municipios e mellorando a accesibilidade, especialmente para persoas maiores ou con dificultades de mobilidade.

As citas para utilizar este servizo deben solicitarse previamente a través do Concello de Poio. En cada visita aténdense varias ducias de persoas ao longo da mañá, nun sistema que permite realizar a xestión de maneira rápida e cómoda.

A próxima visita do VIDOC terá lugar este venres, día 13, na Praza do Mosteiro, en horario de mañá. As persoas interesadas deberán solicitar cita previa a través do Concello.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio