As empresas xa poden presentar os seus proxectos ata o 20 de marzo. Estes espazos favorecerán a conciliación das familias do municipio entre o 1 de xullo ata a véspera do inicio do curso escolar.
O Concello de Poio vén de aprobar os pregos para contratar a organización dos Espazos Concilia durante os meses de verán. As empresas que aspiren a desenvolver estas actividades poderán presentar as súas propostas ata o venres 20 de marzo.
Nos últimos anos, estas ludotecas organizáronse nas instalacións dos colexios da Seca, Raxó e Viñas. O obxectivo deste servizo é desenvolver un tempo libre educativo positivo, favorecer a educación en valores, a participación e socialización, ao tempo que se favorece a conciliación familiar.
O contrato ten un valor de 88.102,32 euros, e desenvolverase entre o 1 de xullo e a véspera do inicio do curso escolar. Nos tres espazos contará cun horario flexible de entrada e de saída de 7.30 a 15.00 horas de luns a venres.
Desde o Concello de Poio, destacan a importancia de ofrecer á cidadanía un servizo que facilite a compatibilidade de horarios das familias e tempo de lecer para os máis pequenos, cunha proposta de calidade que ofreza a máxima seguridade e confianza ás familias. Unha vez adxudicado o servizo, darase a coñecer toda a información relacionada coas bases, número de prazas dispoñibles en cada espazo e os períodos de reserva e inscrición.
No perfil do contratante do Concello de Poio publicarase toda a información relativa á licitación, á adxudicación do contrato e ao resto de trámites do proceso.
O pasado verán, os Espazos Concilia do Concello de Poio ofreceron máis de 1.000 prazas. Durante este tempo, a rapazada participou en multitude de actividades, excursións, obradoiros… gozando así dun verán divertido e con moito xogo.
Poio é un dos concellos da contorna onde conciliar resulta máis accesible, tanto polo horario como polo custe do servizo, que o ano pasado estableceuse en 17 euros por neno e quincena.