O rexedor respondeu ás preguntas do alumnado sobre o medio ambiente, a contorna do centro e as vantaxes dun colexio familiar.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, concedeu esta semana unha entrevista moi especial ao alumnado do CEIP Espedregada, en Raxó. No marco do podcast “O noso cole, un lugar para medrar”, que se difundirá a través da radio escolar do centro, “Voz da Serpe”, o rexedor respondeu ás preguntas relacionadas co medio ambiente, a contorna do centro e as vantaxes de estudar nun colexio familiar, así como polas actividades que se desenvolven ao longo do curso.
O programa publicarase a vindeira semana, coincidindo coas accións que o centro está a levar a cabo para dar a coñecer o seu proxecto educativo e captar alumnado de cara ao próximo curso. Así, ademais da entrevista ao alcalde, incluirán tamén conversas coa dirección do centro e coas familias.
Moldes destacou a iniciativa e a implicación do profesorado na posta en marcha deste proxecto, que botou a andar este mesmo curso, e subliñou tamén os beneficios que ten para o alumnado. Neste sentido, sinalou que a radio escolar permite traballar a expresión oral, fomentar a creatividade, reforzar a confianza e promover o traballo en equipo, ademais de achegar aos nenos e nenas ao mundo da comunicación.
O alcalde lembrou ademais a colaboración do Concello de Poio na adecuación da aula destinada á radio escolar, coa apertura dunha ventá con cristal acústico, a mellora do illamento e o pintado das paredes.